A lei do máis forte alenta a violencia

Os atentados de París puxeron máis unha vez no centro do taboleiro a cuestión siria. Mesmo hai quen bota a responsabilidade sobre o réxime de Assad, porque seica todo xurdiu como consecuencia do seu autoritarismo. Por xeo-estratexia esquecen intencionadamente que o Estado Islámico xurdiu e se desenvolveu en Iraq, que foi unha resposta á ocupación deste país polos Estados Unidos e aliados. Así como á masacre en Faluya, á desfeita económica e social, e aos cambios nos equilibrios de forzas existentes no país, entre sunnitas, xiítas e curdos. 
Non se pode agochar que os grupos armados da oposición siria foron alentados e armados polas retrógradas monarquías da zona, especialmente de Arabia Saudita e Catar, así como por Turquía. Ao principio da guerra civil, os Irmáns Musulmáns tiñan un papel destacado. Cos restos desta forza engordou Al Qaeda, e a súa versión na zona, a Fronte Al Nusra, así como a súa competidora, o Estado Islámico. 
Estes grupos terroristas seguen a recibir armamento e preparación militar, e asistencia médica por terceiros países, como denuncian analistas e distintos medios de información independentes occidentais. A complicidade de Israel e Turquía coa Fronte Al Nusra compróbase nun mapa vendo as zonas que ocupan. A esta, e ao EI non lles tocaron na lotaría os mísiles Stinger norteamericanos e as modernas camionetas Toyota.  
O atentado amosa a barbarie e a miseria humana. Estas actuacións non se solucionan co envío ilegal de tropas de terra a Siria por parte da OTAN, ou dalgúns dos países que a integran. Deste xeito dáselle folgos á lei da selva, xa que os bombardeos actuais (agás os de Rusia) carecen de calquera cobertura no dereito internacional. Alentaríase o militarismo, a guerra, como sucede cos ataques indiscriminados con drones ou intentando impoñer mediante bloqueos a vontade dos máis fortes. 
Toda intervención nun país debe ser pactada cos gobernos legais correspondentes ou contar co apoio do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Aos atentados danlle azos unha xeo-estratexia errada, e a que os donos do poder se crean co dereito divino de recorrer eles sós a lei da selva, recreando a violencia. Un círculo vicioso.

A lei do máis forte alenta a violencia

Te puede interesar