erte

as frecuente viaxes que realizo pola excesivamente cara AP-9 -máis das que gustaría, obviamente, pero cal é a alternativa?- nunca tiña reparado, ata antonte, en que a caseta da peaxe de Vilar do Colo que ten o icono indicativo de que está atendida por unha persoa tiña a valla baixada por estar inactiva. Como, por comodidade, dispoño do dispositivo Vía T para usar os carrís onde non hai que parar -normalmente os dos extremos- e como, ademais, é habitual que coincida nesas zonas de peaxes cun certo número de vehículos é normal que só fose atento ao camiño que tiña que percorrer. Máis hai dous días, por viaxar a unha hora diferente das habituais, cheguei só á zona de peaxe de Vilar do Colo e foi cando botei en falta o atendemento persoal. Lembrei que nos primeiros momentos da pandemia se anunciara a supresión dese modo de pagamento por lóxicas razóns de seguridade. Era o tempo do peche case total, do confinamento... Mais non imaxinaba que a estas alturas, cando os intercambios de todo tipo están á orde do día, seguise sen funcionar este, penso que necesario, servizo. Cando menos en Vilar do Colo, se ben deduzo que debe ser na totalidade das peaxes da “nosa” carísima e nada cuidada autoestrada.  A partir de agora, se as condicións do tránsito mo permiten -que a seguridade sempre é o primordial-, procurarei reparar se esa circunstancia se dá en todas as peaxes polas que transito con certa asiduidade, que son unhas cantas. Teño a sospeita de que así será, pois non sería de estrañar que a empresa concesionaria se tivese acollido a un ERTE e mandase “temporalmente?” ao paro a esas traballadoras e traballadores que se ocupaban de atender os condutores e condutoras que elixisen ese procedemento de pago. Porque é evidente que adoita ser máis gratificante falar cunha persoa que cunha máquina. Quixen destacar, con aspas e signo de interrogación, o da temporalidade tendo en conta que, segundo os datos que lera nos últimos días, eran algo máis de 600.000 as persoas que seguían afectadas polos ERTE, cando hai catro meses chegaran a ser case 3,5 millóns.
Se a empresa concesionaria non se acolleu a ERTE ningún, a ausencia dese persoal de cobro en cabinas haberá que entendela nesa política habitual de incrementar os prezos ao tempo que se rebaixan as prestacións, que xa ven de lonxe, de cando eran outros os que controlaban a autoestrada. Mais no caso de que esa falta de persoal si responda a un ERTE habería que explicar as causas de que se continúe con el. Porque estou convencido de que a empresa concesionaria en momento ningún tivo perdas. Tivo, iso si, menos ingresos, que é cousa ben diferente.

erte

Te puede interesar