Se observáramos os tratamentos informativos que moitos están a dedicar ao feito de que Pedro Sánchez intente formar goberno, semella que acontecera unha catástrofe con efectos globais. E nada máis lonxe da verdade. Nunha situación normalizada, un dirixente político lexitimado intenta formar goberno ante a renuncia medrosa do que obtivo máis escanos. Iso si que debera chamar a atención, que alguén renuncie a facer o que debería facer: presentar a súas propostas de goberno e enfrontarse ao apoio ou rexeitamento, dos representantes da cidadanía na sede da soberanía. Rajoy debería facelo mirar. Ninguén dixo nunca que sería doado chegar a acordos. Acordar é un verbo que se utiliza en compañía, que precisa a complicidade e o compromiso de dous puntos de vista de diferente óptica. Necesariamente require avances, pero tamén cesións.
Nas situacións complexas é onde se mide a calidade política, a capacidade para priorizar o importante e a habilidade para asentar un compromiso. Pero todos os camiños empezan cun pequeno paso.