Terminoloxías

|

Revisando notas que no seu día fun tomando aquí e acolá sobre diferentes asuntos e persoas batín con esta nova que, no seu número de 11 de xuño de 1931 -días de esperanzas republicanas-, publicara El Correo Gallego baixo o rótulo “Nuevos letrados”:

“En la Universidad de Santiago terminaron brillantemente la carrera de Derecho, los estudiosos jóvenes ferrolanos, D. Antonio Nores Castro, don Ricardo Carballo Calero y don Serafín Guerreiro Prieto, estimados amigos nuestros.

A los nuevos Letrados, enviamos nuestra afectuosa enhorabuena, la cual hacemos extensa a sus distinguidos familiares”.

Teño manifestado en maís dunha ocasión que foron moitas as cousas que aprendín nas aulas que don Ricardo me impartiu nos tres últimos cursos da licenciatura en Filosofía e Letras, non todas, nin moito menos, relacionadas coas materias de lingua e literatura galegas e nin sequera con cuestións filolóxicas de calquera tipo. Unha delas, nada menor por certo, a da precisión, a do rigor. O doutor Carvalho era un modelo de escrupulosidade, de exactitude terminolóxica que asombraba e convidaba a seguila e, algo ben máis difícil, a conseguila.

É por iso que me chamou a atención o rótulo “Nuevos letrados” para se referir a quen para min serían nuevos licenciados, ou nuevos graduados na terminoloxía actual. Don Ricardo considerábase un licenciado en Dereito e non un letrado nin un avogado, voces sinónimas nos dicionarios ao uso.

Terminoloxías