tena

Cruzaba o Cerro del Espino Miguel Ángel Tena no que sabía –sabíamos- a súa marcha  logo da última desfeita do Racing nunha temporada fea, de momento tan fea, tan estafermo, como pecar a conciencia ou mirar polo burato da porta como os demais gobernan a súa vida. Ía polo céspede que fora do Calderón, a cabeza baixa, o xesto contido, cando fixo un alto para abrazar ao noso gardarredes, Mackay. Se cadra un dos xogadores con menos dúbida dos que hoxe nos representan. Tena, co cabelo non tan grande como adoitaba, con esa ollada de severidade melancólica que poñen os testudos incapaces de pedir papas, ía camiño do vestiario nun campo municipal mais nada espeso, cos aires do deseño que primaban na arquitectura das fins do século pasado. Tomaba ese camiño, cismando –pensaba eu- nese retorno triste de cando todo vai río abaixo, mesmo as esperanzas de amañar estas, enviso o futuro nunha pucharca negra. E dicía eu para mín, a figura lanzal de Tena na bocana xa do vestiario do Cerro del Espino, onde –se callar- o silencio era xa o único argumento, que o fútbol é un xogo tan perfecto como cruel, perfectamente cruel para os adestradores, ao chou da bola que entre ou rebote ou desapareza nos aires xélidos do fondo da táboa. A soidade do corredor de fondo, así a de Miguel Ángel Tena nesta hora aceda, cal o pan da derrota, o que ninguén quere rillar. Mais o fútbol ten, igualmente, cousas de búmeran. De eterno retorno. E así será, Tena.

tena

Te puede interesar