Máis promesas, máis mentiras

Dicía o presidente en funcións señor Rajoy no último discurso de investidura que, “es necesario un gobierno capaz de funcionar y responder”. E decátase agora despois de tantos anos gobernando. Non necesario senón imprescindible, se non queremos que a nave España acabe indo ó “garete” gobernada polo vento maligno e contaxioso da corrupción, complicado lastre para un país que ben puidera navegar á par dos máis adiantados do Mundo. 
E don Mariano, capitán en calma chicha, non toma conciencia de que este país ten que cambiar o rumbo político para que a maioría de cidadáns (mellor todos), poidamos vivir dignamente, non só os de “casa bien”.
Presumen de que a macro economía vai ben. A macro, e a outra? A dos millóns de parados; dos currantes a tempo parcial; dos pequenos comerciantes empresarios e autónomos; a da maioría dos xubilados; a dos que teñen que emigrar para poder vivir; a das familias que teñen que facer milagres para chegar ó fin de mes; ós que lles roubaron as súas vivendas os banqueiros amigos dos gobernos de turno. A economía verdadeira, pola que temos que rexirnos moitos millóns de persoas ás que a macro, nin nos da de comer, nin nos coñece.
Señores gobernantes, deixen de voar tan alto sen ás, poñan os pés no chan como facemos a gran maioría de cidadáns deste país de desigualdades do que vostedes descoñecen as necesidades –anque si as súas e a dos seus validos barrigas cheas– e fan caso omiso, salvo cando as eleccións, como nestas pasadas que veñen a repartir promesas – caramelos envelenados, traballo para os estaleiros como dixeron fai catro, oito e doce anos!!
Mentiras con intención de embaucar, que ante tanta necesidade acabamos crendo que algún día dirán algunha verdade. Incluso habendo tantos corruptos, que a corrupción é necesaria e que beneficia ó conxunto do Estado. 
E mansos, tal se non fora con nós, seguimos agardando a devoluvión ás arcas do Estado do noso diñeiro. O do rescate á Banca, que tal informan algúns expertos puider chegar a corenta mil millóns de euros. 
Rescatar a tan intelixentes banqueiros, a xenerosa e solidaria banca. Salvar cos nosos cartos á destra; sempre á destra, ós que están sobrados, xente sen escrúpulos, “ amiguitos del alma”, co que é de todos. Ben é certo, que os españois temos o corazón de ouro e gustamos de axudar ós necesitados. Fai ben e non mires a quen. 
Ata a eses canallas egoístas deshumanizados que non perdoan un céntimo, que estafaron con preferentes, subordinadas e outras xoias das finanzas a milleiros de aforradores baixo a condescendencia e supervisión do B.de E. e a cegueira crónica dos gobernos. 
Canto diñeiro (de todos) nas mans deses indeseables e canto ben se podería facer con el para recuperar empleo, mellorar a sanidade, o ensino, investigación, pensións e tantos outros servizos públicos tan desprotexidos.
Recorden, goberno e deudores que o préstamo rescate non é un regalo de aniversario, nin para vivir como raxás xubilacións multimillonarias dos reis do mambo da banca. É para devolver con xuros, ós prestamistas. Non se rían máis do pobo. 
Para cando gobernos, políticos e banqueiros éticos e íntegros? Semella vivimos nun país de farsa continuada, de asoballos, de vividores caraduras sen escrúpulos para conseguir o que, sen ser deles intentan obter do xeito que sexa. 
Nestas pasadas eleccións o señor Núñez Feijóo repartindo caramelos, promesas sen compromisos e sorrisos mil, moveuse por pobos e cidades deste pobo esquecido – por máis que digan – que é Galicia. 
É de supoñer que lle falarían, incluso vira de reollo as grandes deficiencias e necesidades. É de supoñer que prometería arranxalas todas se salía elexido. As promesas en campaña electoral deberan de chamarse mentiras: Queridos e queridas, vimos aquí hoxe, como fixéramos nas últimas, a contar mentiras. (Aplausos).
Inxénuos nós, confiar en políticos que van de telenovela en telenovela. Xa don Mariano o dixo ben claro: “Es necesario un gobierno capaz de funcionar y responder”. Ou sexa, outro que non se asemelle en nada ó que el preside. 
 Á consideración dos lectores. – Memoria: todo o mundo se queixa de non ter memoria, pero ninguén se queixa de non ter criterio. (François de La Rochefoucauld). Mentira: Unha boa parte da arte do bo falar consiste en saber mentir con gracia (Desiderio Erasmo de Rotterdam).
Galicia, unha excepción,
entre bágoas e resignación.
 

Máis promesas, máis mentiras

Te puede interesar