O TREN QUE ME LEVA

Había unha vez un produtor de cine que tiña unha arela: facer un documental dedicado a un dos fenómenos musicais máis significativos acaecidos en Galicia : Andrés Dobarro. Porque en realidade non houbo outro caso semellante ao do  cantante ferrolán que así de súpeto, nada máis aparecer no panorama discográfico o seu tema “O tren”, acada unha sona a nivel nacional nunca vista noutro cantante desta época na que a canción galega, a canción de autor, comezaba unha andaina non exenta de dificultades cara a unha desexada implantación nunha sociedade sumida nun discurso musical baseado case exclusivamente no folclore interpretado polos “Coros e Danzas”.  E Anxo Fernández púxose mansá obra: convocounos a unha serie de amigos de Andrés en Monforte de Lemos e meteunos nun tren. E aí comezou a historia.
“O tren que me leva/camiña, camiña..... “ nos levaba nunha viaxe con Andrés Dobarro como maquinista pola belida paisaxe da nosa terra namentres nós íamos analizando o que Andrés significou para a música de Galicia, contando as nosas experiencias con este home peculiar onde os haxa. Daquela xuntanza Anxo Fernández montou un documental de case hora e media no que queda reflectido o rostro deste personaxe que pasou a formar parte por dereito propio da historia da música galega.
Ata chegar a edición e visualización de “O tren que me leva” houbo que sortear moitos atrancos, tantos que por un momento chegamos a pensar que a película nunca vería a luz, pero o produtor nunca se deu por vencido e o pasado venres en Ferrol puidemos asistir a estrea deste traballo que ven de ser un repaso á memoria histórica dun momento crucial para a música deste país. O documental  xa se proxectara en Bruxelas, pero era de pura lóxica  e xustiza que a estrea en Galicia tivera lugar en Ferrol. E así foi.
Os espectadores que asistiron  á proxección souberon un pouco máis de Andrés Dobarro e decatáronse da fulgurante ascensión cara ó éxito dun cantante que non cantaba moito pero que tiña unha sensibilidade para compoñer fora do común uns temas aos que tan so el daba un toque especial con ese xeito de cantar que tiña mestura detenro sentimento e desafinación. O resultado foi tan abraiante que axiña se fixo cun público fiel, absolutamente entregado malia non ter, coma dixen, as facultades dun cantante ao uso.
Nunca é tarde se a dita é boa. Logo de pasar moito tempo a Andrés Dobarro se lle recoñece na súa terra con este documental que ten o don da intemporalidade e que vai representar unha peza imprescindible para o coñecemento deste músico galego que abriu un camiño por onde, ata a súa aparición, ninguén tiña transitado. ¡Hai que ver o mérito que ten  figurar nas listas de éxitos no primeiro lugarcantando en galego naquela España sumida aínda  na ditadura e na que cantar en galego supuña unha notable inconveniencia para aquel que se atrevía a dar ese paso!
Á estrea deste reportaxe acudimos case todos os que estivemos en Monforte subidos a ese tren que nos levou nunha belida viaxe polos recunchos da nosa memoria. Recordamos e volvemos a vivir. Aquelas experiencias formaron parte da nosa vida nun tempo no que críamos que poderíamos cambiar as cousas. Uns e outros, na medida das nosas posibilidades o intentamos. Andrés Dobarro ao seu xeito, tamén. Abofé.

O TREN QUE ME LEVA

Te puede interesar