O que mudou coa Diada

Para alén de que se podan ter ou non en consideración as declaracións que cada partido faga sobre a consulta sobre a independencia de Cataluña, o que ninguén pode ignorar son os feitos que amosan o grao de apoio do pobo a esta proposta.
Todo reflicte que a maioría da sociedade catalá non acepta a autonomía; e que a parte máis dinámica, dun xeito moi maioritario, está a prol de que os cataláns sexan os que tomen as decisións no país. Isto evidenciouse nas últimas eleccións autonómicas, nas que as forzas nacionalistas acadaron a maioría dos deputados/as, nas máis recentes enquisas, na morea de mobilizacións en apoio á consulta soberanista, como a do pasado 11 de setembro, na que unha cadea humana abrangueu Cataluña de norte a sur.
No ano 2014 a consulta pódese realizar ou non, gañala ou perdela o nacionalismo catalá, porén o Estado español (EE) non pode obviar a vontade maioritaria de todo un pobo (calquera sexa o partido que goberne no EE), se non se quer ser ollado como unha forza de ocupación.
Este é o dilema real ao que se enfronta o Partido Popular, que pretende resolver un conflito político e social, como se fose unha revolta laboral nunha finca no século XIX. A prepotencia pode adiar unha saída dialogada ao conflito, e mesmo entenderse como unha vitoria, poren a longo prazo engade argumentos a prol dos que reivindican o dereito a decidir, ao acrecentar as contradicións.
Rajoy non ten moito tempo para mover ficha, porque o problema está agora na mesa do Goberno central. Se opta pola vía dura, agranda as contradicións entre centro e periferia e resta peso ao nacionalismo morno. Se acepta o diálogo ten que profundar no estado das Autonomías, e non só no caso catalán, o que afecta á parte máis españoleira da súa base electoral. Perdeu capacidade de manobra, tanto por alentar un discurso ultra, neste tema, como por só ter ouvidos para a Bolsa, as entidades financeiras.
Neste escenario o único que pode avanzar é o nacionalismo catalán (en incidencia ou por un aumento de competencias, ou ambas cousas a un tempo). Isto é o que pasa cando non se recoñecen os cambios na correlación de forzas.

O que mudou coa Diada

Te puede interesar