Na vida, dende que nacemos ata que morremos hai, como digo, un tempo para todo, o que quer dicir que cada cousa ten o seu tempo e que hai un tempo para cada cousa.
Vosoutras que xa pasastes o feliz tempo da nenez, entrades agora no da xuventude que é, a dicir de algúns, a época máis fermosa da vida. Tempo de estudo e de formación, de despertar a todo e de preparación para o que está por vir, a mocidade, o matrimonio, os fillos e o traballo, de camiño para a madurez e a senectude. Por iso é tan importante a idade que estades a vivir, non a desaproveitedes porque o que fagades agora condicionará o resto da vosa vida. Os tempos que vos tocan non son doados, por iso eu que xa pasei por todas as idades, dende a miña experiencia e dende os meus erros, síntome na obriga de aconsellarvos e fágoo, ben o sabedes, ao ditado do moito amor que vos teño.
- Estudade, canto máis mellor, todo o que poidades, que logo recolleredes o froito do voso esforzo. A educación é o alicerce máis importante para enfrontar o futuro.
- Estades nunha idade ben difícil; moito coidado cos amoríos, que non todo é cor de rosa, nin é ouro todo o que reloce. Un camiño equivocado pode causar moita dor a todos. Non tratedes de apurar a copa da vida dun so trago que pode resultar moi amargo. Pensade que tedes por diante un longo e apaixonante camiño que recorrer.
- A miúdo no camiño abondan as espiñas pero tamén é certo que non hai mal que cen anos dure. Aprendede dos atrancos e dos erros, dos vosos e dos alleos. Todos os cometemos algunha vez; o mérito está en superalos que, menos a morte, todo ten arranxo.
- Non deixedes nunca de querer e respectar aos vosos maiores, especialmente aos vosos pais que, tede por seguro, sempre quixeron e queren o mellor para vosoutras.
- Cumpride sempre as leis e as regras que impón a sociedade na que vivimos e camiñade sempre coa cabeza ben ergueita.
- Non vos deixedes enganar polas aparencias; aprendede a distinguir o ouro do ouropel que tantas veces nos poñen diante.
- A amizade é unha das cousas máis importantes da vida. Un bo amigo e mellor ca un tesouro. Escollede ben e deixade amigos para sempre alí por onde pasedes.