As comunas populares

Hai seis décadas que China creou as Comunas Populares. Estas unificaban municipios rurais e cooperativas agrícolas. A primeira experiencia dariase na provincia de Honan formando dúas comunas en abril de 1958. En setembro xa existían 26.425 abranguendo a 700.000 cooperativas superiores. O obxectivo era aumentar a produtividade e liberar man de obra para industrializar as áreas rurais. As comunas “non eran unha cooperativa ampliada (...) ocupábanse de funcións administrativas do aparello estatal, ademais das do concello” (La China Rural, Marthe Engelborghs,1975). 
Coñecín a iniciativa vivindo, estudando e traballando, na cidade de Bos Aires, militando xa daquela na Irmandade Galega, e colaborando coa esquerda arxentina en tempos da ditadura militar. Coidaba que era interesante, pensando na sociedade rural galega que vira no ano 1962, durante un fracasado retorno familiar. Mesmo considerando as diferenzas, a comuna parecía unha resposta máis axeitada que a fragmentación e marxinación capitalista, ou que o koljos e o sovjos soviéticos. Neste tema foi para min valioso o libro de Jan Myrdal “Una aldea de la China Popular” (1965) nos que se analizaba o proceso cooperativista previo á constitución das comunas populares. 
As comunas foron unha das bases para o desenvolvemento de China, xa que construíron  infraestruturas, deron pulo á organización do traballo e á formación cultural, aspectos esenciais para que o investimento exterior non ficase reducido, como noutros países, a empresas e localidades de enclave. Encol do tema afirmaba o economista Samir Amin (falecido hai pouco) que: “A atracción de capital estranxeiro cara China, do que se beneficiou, non está detrás do éxito do proxecto. Pola contra, foi o éxito do proxecto o que fixo que o investimento en China sexa atractivo para as transnacionais occidentais. Países do Sur que abriron as súas portas moito máis que China e aceptaron sen condicións a globalización financeira non se converteron en atractivos no mesmo grado”.  
As comunas desapareceron logo da morte de Mao Zedong (1893-1976). Agora ben, a súa herdanza notase en moitas partes de China, como na contorna de Hangzchou, que visitei no ano 1996, onde se combinaba a explotación agraria coa actividade industrial, e un nivel de vida comparábel ao europeo. Non esquezamos que China é un continente con moitos contrastes. As comunas foron un paso intermedio. Deberon ser máis que iso?... O evidente é que, xunto co fortalecemento do sector público, tiveron un papel positivo.

As comunas populares

Te puede interesar