O venres pasado soubemos da morte do gran José Menese. Mentiría se dixese que son entendido en cante flamenco. Todo o contrario, non sei practicamente nada. Mais, ese moi pouco que sei débollo ao acaso e a catro cantaores. Un querido colega é un tremendo admirador de Camarón. Chegou a regalarme un groso volume coas letras do da Isla que, confeso, lin con fruición. Mais, moitos anos antes xa me tiña achegado a Morente -porque era amigo do Araguas-, e a Gerena e a Menese, estes por seren militantes comunistas. Así de claro e de simple. Prendeume aquel Menese que maxistralmente interpretaba as letras de Moreno Galván impregnando o flamenco de ar fresco, de seiva nova, como el mesmo, nada chufón, recoñecía. Como tamén me prendou, en anos recentes, o seu A mis soledades voy, de mis soledades vengo (2005). Escoiten os versos de Góngora, Lope, Cervantes, Calderón, Tirso ou San Juan de la Cruz por tonás, soleares, peteneras, tientos... e logo díganme se non ficaron conmovidos. O home morreu. A obra queda. Grazas por tanto, camarada.