SOÑOS

Ademáis de xogos, aventuras, viaxes e estreladas noites de alambrada, con Jose tamén compartía gustos musicais. Os dous, amigos e veciños da singular barriada de Crónicas, reuníamonos na súa casa ou na miña para falar e escoitar as casetes de moda na nosa adolescencia. El tiña unha paixón, case unha obsesión, que por momentos o levaba ó paroxismo escénico. Movía con auténtico ritmo brazos e pes, recreando imaxinariamente tocar a batería. O seu instrumento fetiche, o seu soño. Neste ano agasalloume cun CD da banda de rock “Un Día de Furia”. Letras intelixentes que nos falan da violencia de xénero, a saudade, a nostalxia da xuventude, o amor e desamor. Entre a suxerente voz e o ben trazado xogo de cordas, vibran con forza os sons das caixas de resonancia e os pratos. Ó mando das baquetas está o seu fillo, que tantos anos despois, dalgunha  maneira fai real a súa ilusión. Hoxe tamén é día de empezar a soñar.

SOÑOS

Te puede interesar