Decepcionoume a súa dimisión Sr Sánchez, e fíxoo porque, malia a empatía que poida irradiar para algúns a súa persoa, coa súa teimosía, coa súa prepotencia e co seu sostenella e non enmendalla, levou a seu partido e por ende a todo o país á situación límite na que se atopa hoxe. Votar abstención na investidura do Sr Rajoy, non houbera sido renunciar ás súas lexitimas conviccións, de ningún xeito. Era a ocasión para situarse nunha oposición forte, seria, severa e construtiva pensando sobre todo no mellor para o país e mesmo para o seu propio partido, esquecendo ambicións persoais. Era un darlle tempo ao tempo, que non se fixo Zamora nunha hora. Era asemade unha boa escola para adestrarse no complicado mundo da política e acadar méritos de cara ao futuro. Era vostede o suficientemente novo para poder esperar.
O que conseguiu co famoso “non é non”, foi dividir o partido e facilitar o máis que probable goberno do PP co Sr Rajoy, a súa besta negra, ao fronte, como o máis beneficiado, xunto con Podemos, coa súa dimisión. Os arcanos da política son a miúdo inescrutables para a xente do común. É moi posible que vostede non dimitira de motu propio, senón que o dimitiran os baróns, as bases e os vellos xerros chineses do PSOE. Aínda así vostede non está limpo de culpa, o seu coa súa teimuda actitude era a crónica dunha morte anunciada, a dimisión gañouna a pulso.
Abonda xa que non se trata de facer leña da arbore caída. Nunca foi ese o meu estilo. Agora queda por diante un longo camiño para recompoñer un partido roto que é, sen dubida, imprescindible para a boa marcha do país, ao que prestou no pasado, e aínda ten que prestar no futuro, grandes servizos sexa no goberno sexa na oposición. Ardua a tarefa de unificación, a que vai herdar o próximo Secretario Xeral.
O máis urxente, a primeira necesidade, e poñer fin ao bloqueo e isto pasa por un difícil entendemento entre PP e PSOE. A cousa non está nada clara, ao PP tal como está a situación convénlle, pensando nunha moi dubidosa maioría absoluta, ir a unhas terceiras eleccións, o PSOE está máis dividido que nunca entre os que defenden o si a Rajoy e os que se manteñen no non, Ciudadanos, dende o seu curruncho, pide un acordo de mínimos entre partidos e Podemos pola súa banda, tratando de pescar en rio revolto, mostrase preocupado porque a nova Xestora Socialista ou mesmo o Comité Federal, que é o que ten a última palabra, abra a porta ao goberno do PP.
A todos, os de aquí e os de acolá, eu e comigo Xan Pobo, esiximos que demostren un pouco de sentido común pensando no que é mellor para o país, por riba das ambicións persoais e mesmo as do partido.