Esteiro lonxal

O  pasado luns 18, fun cortar o pelo á perruquería de Víctor situada no corazón de Caranza. Bo e rápido servizo, boa e ben coidada ferramenta, impecable o local e o traballo e boa conversa. Un bo profesional onde os haxa.
Estando nelo, non sei por que asociación de ideas acordeime eu e demos en falar dunha perruqueria que había na rúa San Carlos do barrio de Esteiro a onde nos mandaba ir o meu pai, a meu irmán e máis a min, cando eramos cativos. Se non me falla a memoria, paréceme recordar que o dono era coñecido como o Barón da Trola, home simpático, falangueiro e argalleiro. Recordei aquel día que, cando nos estaba pelando, sobor das once da mañá, viñérono a buscar non sei si para botar a partida ou para ir tomar as cuncas no Chollo, un famoso e moi concorrido bar na mesma rúa, do que xa vos teño falado aquí. O caso é que alá se foi deixándonos a medio pelar ata que volveu arredor da unha da tarde. Entrou coma unha exhalación, nin desculpas pediu, como se non pasara nada, soamente dixo- imos rematar axiña que teño moita presa. Moito se riu o meu pai cando llo contamos.
Moitos personaxes eivados había en Esteiro naqueles tempos, xente produto daquela España cutre e famenta que nos deixou a guerra e mesmo a posguerra do Xeneral-Isimo. Gran parte deles maxistralmente descritos, con caricatura incluída, por Siro López Lorenzo. Ao meu xuízo, esqueceuse Xiro, de falar dun zapateiro chamado Robusgerges ou algo así. Eu recórdoo vagamente como un home moi forte e moi falangueiro tamén, que falaba con un moi marcado acento andaluz malia ter nacido nas Rias Baixas. Era un magnífico profesional no seu que facía uns fermosos zapatos. O malo é que traballaba só cando lle petaba que era poucas veces.
Estas cousas véñenseme a memoria sen saber moi ben por que, despois de tantos anos, por iso non estou seguro de recordalas con toda exactitude. O que si recordo perfectamente é aquela canción que cantabamos no Chollo, acompañados coa guitarra de Losada o reloxeiro e envorcando cuncas do mellor viño ribeiro que se despachaba naquel Ferrol dos anos oitenta.     Dicía así:
“ Había un baile en Esteiro
que co neboeiro non se vía o sol
ou aquela outra que da título a este apunte:
“Adeus Esteiro lonxal
Adeus esteiro querido
Aqueles si que eran tempos, a pesares do home do cabalo que tíñamos presidindo a Praza de España dende o ano 1967.

Esteiro lonxal

Te puede interesar