Fóra de testo (e de contexto)

As trinta, corenta ou, se cadra, máis primeiras veces que estiven traballando na Real Academia Galega aínda estaba esta nunhas pequenas dependencias da planta superior –á esquerda de todo se o observamos desde a praza de María Pita– do pazo municipal coruñés. Hai diso trinta e algúns anos, pois eu era un cativo, un incipiente profesor universitario a facer a tese de doutoramento. Presidía a institución o avogado Sebastián Martínez-Risco, mais case que todo o funcionamento dependía do bibliotecario Juan Naya, con quen sempre tiven moi cordial relación, malia o seu difícil carácter. Sempre lembrarei agradecidamente o trato que lle ofreceu a aquel mozo de longos pelos que era eu. Téñolle escoitado –daquela e logo na sede da rúa Tabernas– dicirlle a máis dun visitante, que ía en plan esixente, que aquilo era unha entidade privada. Como así era e así segue a ser. Benemérita foi –e continúa, que eu saiba– a aportación do concello coruñés, non tanto en diñeiro como en cesión de espazos e de persoal. Sen iso a vida académica tería sido outra. Non había medios, mais había, cando menos, vidiña. Seino porque por alí andei moitos anos. De feito, aínda que non son académico, nin sequera correspondente –distincións, como todas, para min marxinais, como ben saben os que mellor me coñecen–, sempre considerei a sede académica como a miña casa. E sei da inmensa diferenza entre o que se podía ofrecer ós usuarios hai 25, 15 ou 10 anos e o que se lle pode ofrecer hoxe. E ás veces láiome por non dispoñer desa sorte de ter tanto a man cando realmente o necesitaba. Por isto –e por máis cousas que podería contar– moitas das informacións que sobre a nosa Academia apareceron nestes días entendo que teñen un aquel de canallescas. Como nin estudei xornalismo nin son xornalista profesional, non podo valorar en toda a súa dimensión o que significa unha portada de xornal. Non obstante, si podo interpretar o que me parece. Abraiado fiquei o martes último cando na primeira plana dun diario madrileño me atopei cun enorme retrato de Méndez Ferrín, presidente da RAG, co titular “Ferrín da empleo en la Academia Galega a su hija y a su yerno”. En páxinas interiores desenvólvese a noticia. De todo o acontecido no ámbito mundial ¿era esta a nova máis impactante? ¿E no estatal? ¿E no autonómico? Sen saírmos da Galicia, ¿non sería máis rechamante que o expresidente da Deputación de Ourense vai ter que dar contas por presunto delito de prevaricación continuada? Parece ser que non, por iso a información pasa a un mínimo plano de páxinas interiores. Lembremos o que aconteceu sistematicamente no organismo provincial ourensán ó longo de tantos anos. Todo apunta a un presunto e continuo exercicio de colocacións dixitais de familiares e amigos, persoais ou políticos. E, ¡ollo!, este organismo é público. O xornal continuou dous días botando lixo sobre os mandatarios da Academia: postos de traballo a eito sen control, autos oficiais... Máis do mesmo. A eles xuntouse a voz do columnista Carlos Luís Rodríguez, quen titulou “El académico búnker”. Intentar descualificar unha institución porque o seu presidente fixo pública a súa adhesión a un proxecto político diferente do gobernante PP que é a quen agora se lle reclaman as axudas económicas para mantela dignamente parece, como mínimo, distorsionador. ¿Entreguismo é o que se está a pedir? Independentemente de certas actuacións que, posiblemente e na súa xusta medida, habería que analizar e valorar, por haber cartos públicos polo medio, aquí, sospeito, que se albiscan ventaxismos e vendetas político-profesionais. A Xunta, con moi bo criterio, optou por facer oídos xordos ós catastrofistas.

E que ninguén vexa nestas liñas máis nada que a opinión de alguén que se considera, sen chegar a exemplar, un probo cidadán.

 

Fóra de testo (e de contexto)

Te puede interesar