A CRISE QUE NON CESA

Cada día, coas tesouradas que aplica Rajoy, os efeitos negativos da crise económica nótanse máis na sociedade, que vai perdendo o seu Estado de benestar e caíndo nun pozo sen fondo, tamén psicolóxico, do que será difícilísimo ou cuase imposíbel saír. E agora anuncia, ameazante, que todas as sextas feiras haberá outras medidas aínda máis duras.

Se xa por desgraza nos discursos políticos que se costuman facer abundan as medias verdades e mesmo as falsidades, Rajoy podería obter o título de campión do incumprimento dos compromisos eleitorais. Praticamente todas as súas principais promesas foron esquecidas, facendo no goberno, o que é máis grave, o contrario do manifestado. Poderíamos cualificar a súa xestión como estafa política ou fraude eleitoral. O político pontevedrés, que xa non estaba afeito a dicer a verdade cando falaba de fiíños durante a catástrofe do Prestige, gosta tamén dese triste papel de funcionario ao servizo dos intereses da banca e do de pasar á historia como o liquidador definitivo das condicións de vida dignas para a maioría dos cidadáns.

Mais eles non tiveron culpa da crise, debida principalmente á borbulla imobiliaria montada pola banca e os construtores co apoio do goberno de Aznar, do que formaba parte, e que orixinou un crecemento artificial. Os bancos alemáns prestaron millóns aos españois, e agora queren a devolución garantida e rápida desa dívida astronómica. Coa diminución dos gastos sanitarios, educativos e sociais, co cesamento dos investimentos públicos, co aumento do IRPF dos asaliariados e dos impostos indirectos, quérese facer pagar á clase media e á baixa esa enorme dívida privada. Embora non se lle pasa a conta aos enriquecidos responsábeis da banca. Nen se evita e persegue a fraude fiscal das empresas. Nen se recortan os postos institucionais, coa eliminación de deputacións e Senado, as fusións de concellos etc. Ao contrario, continúanse gastando inxentes cantidades en infraestruturas desnecesarias e antiecolóxicas como as do AVE ou as aeroportuarias. E non se procura austeridade nos gastos militares e eclesiásticos.

Os servizos esenciais da sanidade, a educación e a dependencia convértense en negocios lucrativos. E como xa sucede na Inglaterra e nos EEUU, ao se triplicar as taxas universitarias, muitos terán que pedir empréstimos e hipotecarse durante décadas. A formación universitaria será apenas para as elites. Este neoliberalismo extremo do PP diríxenos cara á catástrofe social, alén do suicidio económico. Vai ser difícil viver aquí con soldos baixos e prezos elevados. Miles de persoas emigrarán para fuxir dunha década de precariedade. Só unha mudanza política evitará a catástrofe. Mais teria de aparecer unha alternativa, apoiada pola cidadanía, desobediente con Merkel e distinta ás do PP e PSOE. Arxentina, que hai dez anos tivo unha crise parecida, saiu dela por mor das medidas keynesianas dos Kirchner, adiando o pago da dívida e criando emprego e servizos públicos. Reaxirán aquí cidadáns e políticos?

A CRISE QUE NON CESA

Te puede interesar