Ritmos famosos

Cando hai catro anos visitei por penúltima vez –facía a décimo cuarta– A Habana estiven aloxado no Hotel Nacional. Aínda que xa parara alí nalgunha ocasión anterior, nunca me parara a mirar con detemento as fotos de personaxes coñecidas que se exhiben nalgunhas paredes dos corredores que van dar á piscina. Entre elas unha de Silvana Mangano, que por alí andou –mais non hospedada, xa que o fixera en Miramar, no Comodoro– cando, a finais de 1953, acudira á capital caribeña, na compaña do moi coñecido produtor Dino De Laurentiis, seu home, para asistir á Semana de Cine Italiano a celebrar no Teatro Payret, ó pé do Capitolio e do Centro Galego. 
A Mangano puxérase moi de moda en 1949 pola súa actuación na coñecida película Arroz amargo (Riso amaro) –con argumento nominado ó Oscar– ó carón de Vittorio Gassman e Raf Vallone,  sona que continuaría co filme de Alberto Lattuada Anna, na compaña dos mesmos protagonistas masculinos. Sensualidade pura era a súa interpretación de “El negro zumbón”, malia que a interpretación musical non fose súa -senón da tamén italiana Flo Sandon’s- e forma de bailar fose desastrosa en opinión dos entendidos. Para min eses escasos tres minutos son, sen dúbida, un auténtico goce para os sentidos. Silvana Mangano  enche tódalas pantallas coa música de Armando Trovaioli e as palabras de F. Giordano: “Ya viene el negro zumbón/bailando alegre el bayón, /repica la zambomba/y llama a la mujer.//Tengo ganas de bailar el nuevo compás,/dicen todos cuando me ven pasar:/¿Chica, dónde vas?/¡Me voy a bailar el bayón!”. Sen esas imaxes é posible que o baión de Anna non se tivese convertido no, probablemente, máis famoso baión do mundo enteiro. E o baião, popularizado por Luiz Gonzaga, con influencias do samba e da conga cubana, a mediados dos corenta gozaba tamén de grande aquel en Cuba. Recordo ter escoitado miles de veces na radio a canción -obviamente non vira a película, curiosamente, pola lección relixiosa, autorizada polo franquismo-, mais penso que era na gravación de Pérez Prado con Carmencita Pernett. Non extrañe, pois, que o Beny Moré, coñecido como “El Bárbaro del Ritmo” o “El Sonero Mayor de Cuba”, gravase en 1953 o mambo “Con Silvana Mangano”, aproveitando a citada visita da actiz á illa: “ Silvana viene cantando/bailando alegre el bayao/Silvana viene bailando/cantando alegre el bayao.//Como canta como baila/Silvana el rico bayao/Como goza como dice/ tengo ganas de bailar/el mambo cubano/.../Siento ganas de bailar con ella mi mambo/.../Silvana viene a La Habana/bailando el ritmo bayao”... ou mesmo di “Hay muchachos que piensan/ que Silvana nos va a tener sofocaos”. 
Por certo que de Beny Moré é moi parcial meu irmán Santi e venme agora á cabeza as votas que tiven que dar pola Habana para lle poder mercar unha gravación do célebre “Puntillita”. O que é ter amigos, porque estaba moi complicada a cousa.
A última vez que vin a Mangano no cine foi no filme italo-soviético Ollos negros (Ocie ciornie/Ochi negri) de Nikita Mikhalkov, con Marcello Mastroianni, para quen parece que fora a muller da súa vida. Ano 1987, aínda non acontecera a caída do muro de Berlín, que acabou por traer infinidade de problemas á estabilidade mundial.
 

Ritmos famosos

Te puede interesar