As errantes e faladoiras pedras ilustres de Ferrol

De sempre a pedra foi un símbolo da intemporalidade e da inmutabilidade en contraste coa caducidade e os cambios propios da natureza humana. O abondoso granito, a pedra de gra galega, é un símbolo que traballado pola man do home e moldeado polo paso do tempo, ben sexa como monumento megalítico, ben como cruceiro ou pedra de armas, proxecta cara ás xeracións futuras a historia dun pobo. 
En Ferrol temos o caso tristeiro caso do Cristo da Tahona, senlleira escultura medieval que constitúe una sinal de identidade da cidade e do barrio de Canido, que leva anos desterrada nunha recóndita sala do Centro Cultural Municipal da rúa do Hospital. Fai anos que veño a denunciar en diversas publicacións culturais galegas e en diferentes congresos sobre os cruceiros e a arte popular o feito de que unha das máis sobresaíntes e antigas cruces de pedra da Comunidade de Galicia está a sufrir a falta de sensibilidade e a vergoñento esquecemento dos diferentes Alcaldes e Concelleiros responsables da Cultura de Ferrol. 
Outra pedra ilustre ferrolá é o Escudo de Ferrol da Ilustración, o brasón oficial da cidade, que presidiu durante case douscentos anos a fachada do antigo edificio do Concello situado no Paseo das Delicias. Hoxe en día esta fermosa e histórica pedra de armas atópase colocada sen ningunha relevancia no vestíbulo de entrada do devandito Centro Cultural, sen unha triste indicación da honrosa función que desempeñou durante moitos anos. Xa é a hora que o Concello se decate que o primeiro escudo de Ferrol da Ilustración debe estar colocado nun lugar preferente do Centro Cultural.
Outro triste caso é o das dúas senlleiras esculturas case xemelgas dos Leóns do Estaleiro de Esteiro, colocadas á intemperie na porta da Exposición da Construción Naval. Ámbalas dúas esculturas estiveron colocadas os séculos XVIII e XIX nunha das doce gradas do antigo Estaleiro de Esteiro, onde tiñan a función de bita de amarre dos buques alí botados ao mar, como se pode ver en antigos gravados de época. Hoxe dormen o sono dos xustos na porta do Edificio de Ferrerías, no canto de de formar parte dos fondos da devandita Exposición, colocados con indicación da súa antiga función nun lugar relevante do interior do edificio.
Outro vergoñento exemplo de desinterese cara ao Patrimonio Cultural de Ferrol é o que esta a sufrir o Peto de ánimas de San Xulián, hoxe colocado nun corredor lateral da Concatedral ferrolá e que ata fai poucos anos estivo colocado na entrada lateral do templo. Trátase dun singular peto de ánimas do século XVII, merecente dun mellor e máis axeitado emprazamento, sendo ademais a única obra exenta que se conserva da antiga igrexa de San Xulián de Ferrol Vello, derrubada o ano 1762 durante as obras do foxo do Arsenal Militar. 
Vemos como estas ilustres pedras feitas no nobre material de granito se moven errantes pola cidade. Ademais as pedras falan, como lembrou Alfonso R. Castelao, e dese xeito contan a súa historia e laianse dos traslados inxustos que veñen a sufrir por non ter un digno e merecente acougo nese Museo da Cidade que leva anos a pedir o Foro de Amigos de Ferrol e que o ineficaz Concello ferrolán non é quen de poñer en función. 
Poderíase falar doutros monumentos itinerantes da Cidade Ensimesmada que se moven, cambian de lugar ou mesmo desaparecen. Que foi do monumento ao aviador Iglesias Brage que se levantaba no Parque Municipal Raíña Sofía? Cando volverán ao seu lugar orixinal do Paseo das Delicias as esculturas de Marte e Júpiter, as estatuas máis antiguas de Ferrol?. Pódese tamén citar o caso doutros monumentos ferroláns que se moveron do seu emprazamento orixinal, caso da Fonte da Fama, o Obelisco de Churruca, a Fonte Wallace e o busto de Méndez Núñez. 
 

As errantes e faladoiras pedras ilustres de Ferrol

Te puede interesar