MARÍA LUÍSA NACHE & ACACIA VALERA

Os amigos da ópera decidiron con moi bo criterio  homenaxear a María Luísa Nache, a que fora afamada soprano coruñesa e logo profesora de canto no Conservatorio da cidade veciña, cunha serie de actos en torno a súa figura. Non puiden asistir á primeira conferencia impartida por Antón de Santiago e si á segunda a cargo de Andrade Malde. Acudín ilusionado porque María Luísa Nache fora a miña profesora perante dous cursos e porque desexaba, malia ter noutrora trato persoal con ela, coñecer máis sobre a súa persoa como cantante de ópera e sobre o que opinaba dela a crítica da súa época. Saín un tanto defraudado pois esperaba máis, dado que no auditorio había moita xente relacionadaco mundo do “bel canto” e xaque logo entendidos na materia: eu, dito sexa de paso,dos que menos. O que máis me doeu foi que, chegado o relatorio de pianistas que acompañaron a Mª Luísa Nache cando esta decide instalarse  na Coruña e impartir clases no conservatorio, non se mencionase a Dona Acacia Valera, omisión imaxino que non consciente e si imputable á falta de información.E xa que non a mencionaron no aludido acto, vouno facer eu aquí. Acacia Valera foi a miña profesora de piano á que convencín, de acordo con María Luísa Nache, para que viñera as súas clases a acompañar aos alumnos naquelas entrañables tardes do inverno no antigo Conservatorio. A raíz desa colaboración as dúas fixeron algúns recitais: dúas exprofesionais de piano e do canto xuntas para lembrar vellos tempos e unir vontades cunha arela común: a música, sempre a música. Vivía en Mugardos – foi toda a vida veciña da miña familia- pero nacera nun pobo de Valladolid chamado Villajón de Campos onde o seu pai, parente do escritor Juan Valera, estaba destinado como médico. Cando en 1905 morre o seu pai, vaise toda a familia á casa do avó materno que falece pronto e pouco tempo despois morre tamén  a súa nai quedando todos ao amparo da avoa. Acacia fai a carreira de piano e chega a dar concertos como solista e tamén con orquestra como pianista invitada. Coñece a Don Ignacio Rebolleda, mariño mercante e cando casan el a pon na disxuntiva de: a música ou eu, e Acacia deixa profesionalmente a música, pero non a abandona. Na súa casa practicaba todos os días e eu, que vivía embaixo, escoitei por vez primeira a Chopin, Beethoven e Mozart das súas pequenas mans (apenas abarcaban unha oitava) pousadas sobre o teclado do seu vello piano onde máis tarde eu tamén as pousei recibindo clase desta muller entrañable que foi a que me fixo sentir unha feliz atracción pola música, sentimento que aínda prevalece en min e que me acompañará sempre. Cando xa moi maior, xa viúva, retorna ao Conservatorio como pianista acompañante dos alumnos de María Luísa Nache, volve a vivir,  a sentirse absolutamente feliz. María Manuela e mais eu ensaiamos aquí en Mugardos, na súa casa, unhas panxoliñas que recompilara para nós o musicólogo e pianista  Ramiro Cartelle e que logo gravamos para “Zafiro”. Ela sempre solícita, sempre entusiasmada con todo o que tiña que ver coa música.  Con ela aprendín a linguaxe das notas no pentagrama e que a música serve para engrandece-lo espírito e así facernos mellor coma seres humanos. Por outra banda, María Luísa Nache ensinoume como respirar no canto, a vocalizar, a expresarme e a amar algunhas pezas que non estaban no meu repertorio. Dúas mulleres que influíron notablemente en min, as que sempre lles estiven e estou moi agradecido. Mª Luísa Nache era unha muller grande fisicamente e Acacia Valera pequeniña, pero as dúas enormes en clave de música. Vaia dende aquí o meu particular e modesto homenaxe.

 

MARÍA LUÍSA NACHE & ACACIA VALERA

Te puede interesar