LOLO

Hai varios anos que o coñecín nunha das miñas diarias sesións de “footing”, pola beiramar da Gándara. Hai ali un prado onde acotío pacen un fato de ovellas que Lolo coida amorosamente. —Antes tiña once pero o castrón levouno un tratante de Pontedeume para botarllo ás súas ovellas, e outras dúas vendinllas a un que ten unha tenda na Mourela. As veces cómpranmas uns mouros que veñen aquí a rezar, a cantar e a facer non sei que outras andrómenas. O outro día había un tocando unha “jaita” que se alporizou  todo cando lle dixen, como c... iba entrar nunha orquestra se non sabía tocar.
Lolo pasa ben dos oitenta anos e como poden ver e moi sinxelo e moi falador, por iso desfruto tanto escoitando as súas historias. Por riba de coidar das ovellas, ten unha embarcación coa que vai as robalizas pola ría. —Cando era máis novo teño “chejado” costeando ata Campelo. Aqueles si que eran tempos, teño pillado máis de cen robalizas e “badexos” de ata dez quilos. Agora non hai nada, teñen a ría toda chea de trasmallos que ademais de non deixalo pasar, embalan o peixe. Xa mo di a muller, non sei a que vas ao mar, se non “jañas” nin pra o  “jasóil”, e ten razón porque o motor ten tres pistóns que chupan de c... Tenme contado que andou no mar moitos anos navegando nun “carjeiro” italiano polo Caribe. Agora semella feliz coas súas ovellas e a súa embarcación. Eu non podo deixar de pensar nos traballos que tivo que aturar este home polo mundo adiante nun medio hostil en compaña de xentes estrañas con outras falas e outras costumes, e iso sen falar da saudade lonxe da súa terra, da súa casa e da súa familia. O duro camiño da vida para tanta xente como el que, obrigados pola necesidade, teñen que deixar os eidos nativos na procura dunha vida mellor para os seus achegados. Onte andaba Lolo moi alporizado, cousa rara nel que sempre amosa un bo talante. Seica uns madrileños querían mercarlle a mellor das súas ovellas ofrecéndolle catro cartos por ela.  —Esta xente de Madrid pensa que nós os galegos somos parvos”. Anque sei que nunca lerá estas liñas, eu quero manifestarlle dende aquí a miña simpatía e a miña admiración, desexándolle que siga durante moitos anos coidando das súas ovellas e pillando robalizas e “badexos”. E que teña moito ollo cos mouros e mesmo cos madrileños, eses que pensan que todo é chegar e encher, e non saben que aquí coñecemos, e gobernamos moi ben, o Sistema Métrico Decimal...,e outras moitas sabedorías.

LOLO

Te puede interesar