Coma dicía o refrán, entre todxs a mataron... E agora no reparto de responsabilidades polas novas eleccións, ninguén quere asumir que todos teñen arte e parte no sucedido. Cada quen elabora o seu relato e pon cara compunxida nas fotos, do tipo ¡con que xente andamos ao mar! Digamos que algúns grupos non tiveron a altura de Estado, de apostar por desbloquear a situación, e dar inicio a unha lexislatura que non só é necesaria, senón que resulta xa imprescindible ante os importantes retos no que está inmerso o pais.
Tamén é verdade que o seu slogan sempre foi o de recibir e non dar. Enténdase investidura de Mariano Rajoy no 2016. Outros grupos, esqueceron rapidamente as súas propostas fundacionais, o de liberais e de centro, aquelo de ser bisagra e facer innecesarios aos partidos nacionalistas, para acabar cegados pola soberbia do somos únicos. Para xustificarse e declararse exentos de culpa, montaron o paripé do último minuto. Unha torpe variante do eu ofrecín e ti non quixeches.
É certo que Sánchez tivo dúbidas e amosou moitos recelos. Pero aplicou a doutrina maxistral do Padrino; fixo unha oferta que non se podía rexeitar, Vicepresidencia e tres Ministerios. E inexplicablemente, foi rexeitada por un partido sen experiencia de goberno nin de xestión.
Foi o maior erro non forzado da historia política. Iglesias xogou a impoñer. E saíu trasquilado. O discurso mediático dicía que Sánchez só quería o sillón. Puido aceptar calquera oferta, calquera imposición, pero non o fixo. Aplicou o da responsabilidade de Estado. Sánchez, claramente, gañoulles pola man.
As ausencias son coma choivas tristes –dixo El– paisaxes habitadas de grises que prometen invernos irredentos. Vivirnos é sentir que nada pasa...Acaso tocaría pregar velas, e encher os armarios das nostalxias das luces, dos amenceres, e de ser sur, contigo...