FESTAS MARIÑEIRAS

Todas as celebracións de verán nas nosas aldeas, pobos e lugares tiñan encanto e tradición, mentres que agora xa se vai perdendo o que facía das festas un día ou catro como únicos no ano. Por exemplo, constituían o tempo no que os nativos comían tarde, porque as horas da mañá non daban a basto para misas, procesións e sesións vermú. A xente pensaba que iso de sentarse en horas vespertinas á mesa era de xente rica, o que era un aliciente máis de celebración.
Toda vila mariñeira galega ten que celebrar a festividade da virxe do Carme, senón parece que viviría en pecado. Con todo, hai unha que non o podía facer no día exacto, como as outras poboación veciñas, por dificultades técnicas. Unha delas é que o día patronal non coincide sempre en domingo, pero a principal foi durante anos que a marea alta da mañá non acaecía no momento exacto para realizar a misa e a procesión naval en horas decentes. Así que as mentes pensantes decidiron levar a festa até un fin de semana que a preamar tivese ao seu punto máis alto en horas decentes.
Houbo anos nesa vila na que a misa solemne era ás tres da tarde e entre procesión marítima e foguetes non se sentaba un romeiro na mesa até as cinco da tarde, con conseguinte estrago de comida e falta de apetito. Aínda así era de admirar a precisión horaria para que a preamar permitise achegar as naves até o peirao e subir a bordo aos participantes, saír á ría ducias de embarcacións en formación de convoi de transporte e regresar a terra con tempo para desembarcar san e salva á improvisada tripulación. Aínda así, un cura parlanchín deixouse levar pola oratoria nunha ocasión e retrasou a procesión uns quince minutos. Tempos suficiente para que un palangreiro tocase fondo cando se empezou a encher de devotos procesionarios e houbese que realizar una evacuación rápida para que o buque recuperase flotación e non quedase varado na praia.
Aquelas eran unhas festas que tiñan encanto, porque cada ano era unha aventura oceánica o feito de que puidese saír a procesión marítima. Aquilo acabouse coa modernidade. Un día chegou a Xunta e comezou a construír un porto exterior, ante a demanda do sector máis náutico da vila. Á aquela primeira dársena, seguiron outras e outras máis, cos seus pantaláns e puntos de amarre e na actualidade xa é un complexo con centos de iates, chalanas e pesqueiros alí fondeados.
O novo porto botou por terra a festa e procesión do Carme. Xa non había que agardar á preamar idónea para programar a procesión, así que se podía realizar en calquera data, pero o afastamento do punto de embarque do núcleo de poboación complicou o traslado a ombros da santa até o peirao.

FESTAS MARIÑEIRAS

Te puede interesar