A sentencia sobre Cataluña

Resultaba evidente que a Sentencia do Tribunal Constitucional sobre Cataluña non podía ser outra. Tanto pola composición do organismo, como porque a Constitución do Estado Español nega o dereito a que as distintas nacionalidades podan decidir libremente o seu destino. Agora ben, a sentencia tampouco resolve ren, xa que a cuestión segue sendo un problema político, que se debe solucionar nese ámbito. Só hai dúas saídas: ou a confrontación ou a negociación. E a chave para ambos os procesos está nas mans do Goberno central, do Partido Popular e do principal partido da oposición, o PSOE. 
Resulta evidente que o Estado das Autonomías está esgotado. Primeiro, porque se inventaron autonomías, como un xeito de diluír as nacionalidades históricas (Galiza, Euskadi e Cataluña). En segundo lugar, porque dende a LOAPA, despois coa escusa da Unión Europea, e agora coa crise, fóronse baleirando de contido as competencias transferidas. E, por último, porque se mantiveron as vellas estruturas administrativas, xerando unha dualidade de poder, coa confusión conseguinte, e un aumento do gasto administrativo. 
Se Rajoy opta pola confrontación, a ruptura coa sociedade catalá será total, porque se esmaga a vontade popular. Deste xeito pode frear o proceso, con métodos autoritarios, porén rexurdirá con máis forza e baixo métodos menos pacíficos. Se acepta negociar maiores competencias, por exemplo, a conformación dunha confederación, deberá alargar este modelo a Euskadi e Galiza, se non quere ofender a estes pobos, e ver agromar nestes territorios mobilizacións masivas reclamando iguais competencias, e mesmo a división dentro do seu propio partido.  
Estas son as únicas dúas saídas que ten o Goberno central, como consecuencia de se negar unha e outra vez a recoñecer o carácter plurinacional do Estado, e que non se lle pode seguir negando ás nacionalidades periféricas a igualdade de dereitos. Claro que a globalización neoliberal é tan destrutora que, se cadra, nen a constitución dun Estado confederal sexa abondo hoxe para aquelas nacións periféricas, como Galiza, que necesitan de todo o poder para se poder desenvolver e defender a súa identidade.

 

A sentencia sobre Cataluña

Te puede interesar