“BENAVENTURADOS OS ATEOS...”

Porque eles encontrarán a Deus”. Unha paráfrase esta que quizá lles resulte sorprendente. Para a maioría da xente de tradición relixiosa os ateos non deberían poder encontrar a Deus, porque negan a súa existencia. Pero os ateos responden que a existencia do mal no mundo non é compatible coa presencia de un Deus que representa a suma bondade. Un deus, din estes, que non pode ou non quere librarnos do mal, non merece ser considerado o Deus verdadeiro, como afirmaba Epicuro xa no s.III A. de C. Máis co paso do tempo e coa evolución do pensamento foi cambiando a maneira de entender estas cousas. Nos nosos días, o catálogo de pecados e pecadores condenados ao inferno perdeu vixencia. Agora a conciencia de cada persoa atravesa por unha fase na que encontra maior independencia e desenvolvemento no xeito de pensar e de crer. Porque a persoa en si mesma alcanzou a categoría de valor absoluto. O ateísmo non é algo novo, xa o Antigo Testamento recólleo en algún salmo do rei David. En occidente Deus foi deixando de estar de moda dende hai un par de séculos. Para uns, Deus é un obstáculo, porque coidan que a autonomía moral que fomos alcanzando os humanos se vería minguada coa existencia de un Ser Supremo que nos controla. Así pasou coa chegada da Modernidade e da liberdade de pensamento. Pero a Deus ninguén o viu nin o coñece realmente, aínda que, por contraditorio que pareza, temos o seu nome nos labios constantemente, uns para adoralo e pedirlle favores, e outros para ofendelo votándolle as culpas de tódolos males que sufrimos. Dicir que os ateos encontrarán a Deus non deixa de ter a súa  parte de razón, porque eles non encontran na relixión o obstáculo que estas supoñen demasiadas veces para chegarse a Deus. O trato con Deus estaba reservado para a clase sacerdotal como donos do Ser Supremo. O exemplo máis traumático témolo actualmente na relixión mahometana. Quen teña a pretensión de buscar o camiño para acercarse a Deus non se debe trabucar no punto de partida. A vía para achegarse a Deus non está tanto na razón e no entendemento, que tamén, como no corazón, nos sentimentos e na disposición aberta da persoa. Foi Xesús, o Nazareno, quen orientou aos seus seguidores polo camiño máis seguro para non trabucarse: Este camiño empeza buscando sempre a xustiza, a verdade e a boa vontade; o demais chegará engadido. Para moitos ateos, o camiño da verdade e da xustiza foi e segue a ser un valor que cultivan e polo que poden encontrar a Deus.

“BENAVENTURADOS OS ATEOS...”

Te puede interesar