Sargadelos: crónica dunha morte anunciada

Non por sospeitada, deixa de ser menos dramática a desaparición da Galería Sargadelos, neste caso da existente en Ferrol. E facemos este inciso de “neste caso”, xa que a situación de inestabilidade non é condición única e particular da galería da nosa cidade, ben ao contrario, ocuparía, entendemos, a cantas galerías do grupo hai distribuídas por todo o orbe. E o orbe é o suficientemente amplo como para falar non só de Galiza, senón tamén de España e moitos outros lugares do estranxeiro. E é que o emporio Sargadelos-O Castro goza aínda dunha dimensión certamente extraordinaria, razón, se cadra, que está a motivar, ademais de por razóns doutra índole, os problemas de sobrevivencia. Porque a crise económica iniciada a partir de 2008, conxuntamente coa morte da súa alma mater, Isaac Díaz Pardo, fixo cambalear as estruturas deste conglomerado de sociedades despois transformado en fundación. 
Sargadelos, alén do Laboratorio de Formas, das Cerámicas do Castro-Sada e Sargadelos-Cervo, conta tamén co Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, a desaparecida Ediciós do Castro e o Instituto Galego da Información. Paralelamente, existen as citadas galerías (nas principais cidades e vilas galegas), que son propias ou ben franquías que actúan como verdadeiros centros culturais, e embaixadas galegas no exterior, no caso das que funcionan por España (Madrid, Barcelona, Sevilla) e Europa (Milán e o Porto). Díaz Pardo quixo concentrar a dirección e a propiedade das empresas nunha fundación, o que propiciou un dos motivos de discordia entre os diferentes elementos do accionariado. Porén, foi apartado pouco a pouco e un grupo de accionistas, encabezado por Segismundo García, enfrontouse a el, así como dous dos fillos de Díaz Pardo, pois fixeron fronte ao do medio no testamento deixado polo pai. 
Sexa como for, e sen entrarmos no debate acerca de en quen facer recaer as culpas sobre o desmoronamento do grupo, sucedeu quen en novembro de 2013 a empresa solicitou un preconcurso de acredores. Foille aplicado un ERE de extinción e despediuse a 70 traballadores, e en marzo de 2014, a empresa declarouse en suspensión de pagamentos. A débeda ascendía a 5 millóns de euros, mais en febreiro de 2016 disque saíra do concurso de acredores e obtivera beneficios por fin. As últimas noticias falan de que o grupo aumentou en cifras de vendas nun 20%, alén de incorporar novos traballadores (40 entre Sada e Cervo), á parte de se contrataren novos creadores e se realizaren novas creacións. Porén, a xulgar polo que acaba de acontecer coa galería de Ferrol, non é ouro todo o que reloce. As condicións abusivas a que estaba sendo sometida (competencia desleal, incumprimento do pacto de exclusividade, desabastecemento nos pedidos, desprezo pola actividade cultural, etc.), contribuíu a que a citada galería se vise na obriga de ter que fechar. 
Son 26 os anos que a galería Sargadelos leva instalada en Ferrol, loitando desde un primeiro instante por conseguir un oco, non só comercial senón tamén cultural dentro da cidade, cousa que conseguiu amplamente. Chelo Loureiro, a primeira xerente nos tempos en que tiña o seu local na rúa Dolores, fora a promotora dos bustos de porcelana que hoxe podemos ver en centenares de puntos de hostelaría para servir a cervexa a presión de Estrella Galicia. Pratos e figuras alusivas a monumentos e motivos culturais teñen sido o agasallo por antonomasia ao longo do tempo, tamén amuletos, pombas e figuras máis ou menos cargadas de simboloxía. As espléndidas baixelas, así como outros motivos de decoración ou de uso, fan parte desta porcelana, hoxe talvez a máis estimada por todo galego que se prece. 
Nada bon agoira a sospeitosa viraxe que nos últimos tempos parece comezar a dar o grupo Sargadelos. A potenciación da nosa cultura, xa que era parte fundamental do legado que deixou Isaac Díaz Pardo, deu mostras de facer augas a partir da liquidación de Ediciós do Castro. Nun comunicado feito público, Sargadelos de Ferrol alude claramente ao desprezo pola faceta cultural da galería por parte das dúas fábricas. Un espazo tan destacado, sempre aberto e dilixente para a presentación de libros, a impartición de charlas e conferencias, sala de exposicións, obradoiros, roldas de prensa e demais, e de que me enorgullezo ter participado, pasará en breve a ser xa parte da nosa historia. Así pois, o solar do antigo Cinema, despois transformado nunha nova edificación en que tería cabida a nova galería Sargadelos, acabará por fechar mal que nos pese. E das interesantes e intensas tardes de cultura, e da completa libraría galega, tan só nos restará o feliz recordo de todo e do moito que foi e por nós fixo. Moitas serán as saudades que haberemos de ter pola galería, pero moito máis nos haberemos de lamentar de, quizá, non ter loitado o suficiente por ela. Vaia por diante, por tanto, o abrazo máis solidario para os seus traballadores, e sentindo como algo, que é tan de noso xa, se nos escapa sen remedio.
 

Sargadelos: crónica dunha morte anunciada

Te puede interesar