O afundimento

Dicía Woody Allen que a xente quere unha vida ficticia e os personaxes ficticios una vida real. Sempre vin Ferrol como una cidade atrapada no tempo, de feito escrebín un artigo ao respecto e desde aquela, non só sigo pensando o mesmo senón que se reforzou aínda máis a miña idea. A conta das festas mantiven conversas con moita xente sobre a cousa desta cidade de viver constantemente nos anos 80 en xeral, non só musicalmente. Non é só cousa do goberno actual, ven de moito antes e a xente parece estar encantada, até o ponto de protestaren polas festas cando veñen grupos novos que supostamente “ninguén coñece” con iso. Deime conta de que isto é algo estendido a todos os aspectos da vida ferrolá. A xente parece ter a esperanza de que nalgún momento voltaremos a ese pasado no que os estaleiros aínda daban traballo a case toda a comarca, na que o comercio e a hostelaría eran negocios boiantes e sempre había xente pola rúa en todos os barrios. 
Creo que a maioría da xente fala de Ferrol en pasado, do que era e non do que é, e moito menos do que pode ser. Levamos uns 20 anos a voltas coa peonalizazón do centro, co da rehabilitazón do Ferrol Vello, co problema do estacionamento e con mil cousas máis. Perdemos uns 1.000 habitantes cada ano e o descenso vai ser cada vez máis rápido e pronunciado. Se non há traballo, a pouca xente moza vaise a outras cidades e xa non forman familias aquí. Ao mesmo tempo estamos ficando cada vez máis isolados porque o transporte a outras localidades xa deixaba moito que desexar. 
Non se comprende o do tren á Coruña e menos cando se están cancelando liñas de autobús. Estamos desconectados do chamado “eixo atlántico”. Cómpre irmos decidindo que tipo de cidade queremos, porque o tempo segue pasando e seguimos parados. Temos una poboazón maioritaria de xente maior, e se iso non vai mudar poderíase crear unha especie de industria arredor diso. Se queremos atraer xente máis nova e evitar que a que temos marche terase que buscar algo que os poida atraer. Os estaleiros non van voltar ser o que eran nunca máis, non podemos contar con iso, mais se cadra outras industrias (novas tecnoloxías por exemplo) poden completar ou suplir esa carencia. Disque moitos poucos fan un moito. 
Non sei como atraer ese tipo de compañías nen que se pode facer para que a xente queira viver aquí, mais isto non é un tema só para que discutan os políticos, temos que implicarnos toda a cidadanía. Ferrol témolo que salvar os ferroláns mesmos, mais fai falta deixar de ansiar esa vida ficticia, de mirar cara atrás e de viver en permanente estado de melancolía. Se non somos conscientes dos nosos problemas afundirémonos ben rápido. Iso si, a orquestra vai seguir tocando até o final como no filme do Titánic.

O afundimento

Te puede interesar