Confusión

Malia que, como xa teño comentado en diferentes ocasións, non son nada amigo das redes sociais non podo evitar que as amizades coas que me relaciono me fagan chegar algún que outro pantallazo daquilo que pensan que por diferentes causas me puider interesar. Nos últimos días recibín un par deles que recollen dúas manifestacións dun señor ao que –diría que por fortuna– non coñezo que vou reproducir textualmente. Unha delas di: “Non hai nada máis significativo para a recomposición do Réxime do 78 que xuntar que o Grupo Voz aposte polo bipartito PSOE-BNG con que a RAG lle dedique o Día das Letras ao reaccionario de Carballo Calero”. Porque coñecín ben e tratei asiduamente a don Ricardo Carvalho Calero durante máis de vinte anos, penso que cualificar de reaccionario o profesor é mostra clara dun descoñecemento absoluto da súa persoa. Puido ter sido de todo menos reaccionario. A outra, que entendo que se descualifica por si soa, pon: “reintegracionista, traducido ao galego, significa liquidador da lingua”. Os efectivos e potenciais liquidadores da lingua non son precisamente os reintegracionistas, porque, por desgraza, a conservación ou morte da lingua non vai vir por aí.

Confusión

Te puede interesar