POMBAS

Hai unha tempada que a miña ventá achéganse dúas pombas. Miña nai tiña por costume botarlle miguiñas de pan aos paxaros para que se lle achegaran e se acostumaran á presenza humana. E se acostumaron: á dela. Pero hoxe só dúas pombas achéganse a miña xanela, no terceiro andar, na procura de sustento garantido. Non son columbófilo e xa que logo non sei moito de pombas, tanto é así que non distingo o macho da femia, pero como sempre aparecen dúas sospeitei que poderían ser parella, cousa que xa teño clara pois decateime de que estas aves son monógamas, que procrean dous pombiños cada vez e que os coidan con primor ata que poden voar por si mesmos e entón é cando abandonan o niño e deixan sitio para outra niñada. Ben, xa vou sabendo algo. Cada mañá póusanse no “alfeizar”dunha das ventás da cociña e namentres preparo o xaxún obsérvanme sen quitarme ollo e se non reparo nelas, baten cos seus picos no cristal coma dicindo: eh, que xa estamos aquí! Abro a fiestra e comen na miña man e incluso déixanse acariciar namentres fochican nas migascon fruición. Unha ten unha manchiña branca na testa ( creo que é a femia porque as veces non aparece nunha tempada e sospeito que queda a coidar dos pombiños) e é un pouco máis pequena ca outra. Nalgunha ocasión xorde unha terceira en discordia que inmediatamente é posta en fuxida pola de máis tamaño namentres a outra come tranquila coma se a cousa non fose con ela. Cando saio de viaxe e estou uns días fora, penso que xa non volverán, pero aínda que pase un mes aí están esperando a que se abra a ventá e apareza eu coas miguiñas de pan. Conseguiron implicarme ata o punto de que xa é normal comezar o día dándolle de comer as pombas. Todo isto faime reconsiderar ata que punto só nós somos racionais, os reis da creación, os amos do mundo e de todo no que nel aparece, os únicos organizados e os que tomamos decisións sobre a vida e a morte doutros seres vivos. No caso das pombas, poñamos que nos meten nun caixón e nos levan ao centro de África e alí nos soltan: Veña, tirade para casa! Seríamos capaces de orientarnos e volver ao punto da partida sen mapas e sen GPS? Pois as pombas si. Niso son máis listas ca nós. E agora que estou a falar de pombas, ven a miña mente outro animal nobre, totémico e maxestoso que representa a forza e a bravura: o touro, un animal masacrado en aras da tradición e da cultura(¿?)da España de charanga e salvaxismo. Estes días fálase arreo do Touro da Vega de Tordesillas onde un grupo de descerebrados infrinxen ao touro tortura ata matalo coa aquiescencia do concello cuxo alcalde pertence ao PSOE, dato significativo e contraditorio polo compoñente de progresismo que esgrime este partido. Xa houbo algún comentario que apuntaba que non era preciso facer escavacións en Atapuerca xa que en Tordesillas aparecen espécimes a ceo aberto. Din co flamante secretario xeral do PSOE Pedro Sánchez o mércores chamou ao programa “Sálvame” para falar co presentador a micro pechado deste tema e prometeu poñerse axiña a traballar na elaboracióndunha lei sobre protección animal. Non sabemos se tamén chamou ao alcalde de Tordesillas para que o axude neste cometido. Que si, que hai cousas máis importantes que arranxar neste país, pero hoxe non estou pola labor de entrar en desacougo e preferín, observando  as miñas pombas, falar destas e doutro animal que, sen decatarse, espera ca política actúe de oficio para que sexan abolidas tradicións salvaxes que denigran a un país que desexa camiñar pola senda do progreso e da modernidade.Nisto ten que intervir a política, si. Perdoade, tocan na xanela...son as miñas pombas.

 

POMBAS

Te puede interesar