DON BALTASAR

Se cadra Pinochet, retido en Londres unha boa tempada pola dilixencia de Don Baltasar Garzón, andará a bulir polo inferno onde agardo que o teña levado a súa ruindade, feliz de ver ao seu xusticieiro en momentos de penuria. E felices estarán todos os narcos, canalla asesina da mocidade, que foron levados ao cárcere polo incansable xuiz.

¿E que dicir dos golfos apandadores do caso Gürtel, culpables de deixar as arcas do país en estado miserento, limpando delas o que outros máis raposos, porque siguen na rúa, algúns en altos cargos, deixaran a salvo? Toda esta tropa, tamén os cómplices de terroristas a bourear o seu xúbilo ao tempo que piden máis madeira para o bravo xuiz, poden estar de noraboa.

Xa conseguiron o seu obxectivo, non outro que afastar do poder xudicial a un dos máis afoutados expoñentes de gallardía que se teñan visto neste país de cabreiros, como dicía Jaime Gil de Biedma, curmán, por certo, de Dona Esperanza, a que berrou “se ha hecho justicia” (ou algo semellante) ao saber da moi dura sanción imposta a Don Baltasar Garzón. Quen, ben ao visto, ordeou pinchar os teléfonos duns cabaleiros (hipótese de traballo) que falaban de cómo salvar o que ficaba dun patrimonio ao que se chegara a través de latrocinio.

Ao ben visto estas escoitas están reservadas a terroristas. ¿E que outra cousa son os “pinochets”, os narcos, os nachiños que deixan baldeiras as arcas dun estado en crise? Don Baltasar, aquí un amigo.

 

DON BALTASAR

Te puede interesar