Fatiga pandémica?

|

Despois de nove meses -toda unha xestación- volvín pisar as gradas do estadio de Riazor. Algunha vantaxe había ter a condición de socio protector. Nese longo período de tempo non daba entendido como as autoridades sanitarias impedían -ou limitaban moito a afluencia- acudir aos recintos deportivos abertos no entanto que permitían outro tipo de relacións e contactos entre persoas que, na miña opinión de descoñecedor do tema, presentan maior risco de transmisións e contaxios. E sigo sen entender as limitacións, aínda que, despois do visto o pasado domingo, podo xustificalas perfectamente. Na normativa de adquisición de entradas -que os beneficiarios nos comprometíamos a respectar- quedaba perfectamente claro o que non se podía facer. Cousas tan simples de entender e de cumprir como: seguir as instrucións para entrar e saír, sentarse exclusivamente no asento asignado, estar sempre coa máscara posta, non consumir alimentos, non berrar... Pois nin así. Desde o primeiro momento observei que había xente sentada onde non debía -os asentos útiles tiñan unha ben visible marca-, xente pegada, xente que se movía e mudaba de sitio, xente que berraba a todo berrar... E non eran dúas ou tres persoas, non. Eran bastantes e de toda condición: idade, sexo, raza e, supoño, relixión. Así non hai pandemia que acabe.

Fatiga pandémica?