SIGAN Ó DIÑEIRO

|

Oconfidente dos xornalistas que investigaron o Watergate sempre lles dicía que seguisen a pista do diñeiro. Nos casos de corrupción ou financiamento ilegal dos partidos encontrar o rastro dos euros ou divisas que se moven non parece complicado, pero, á vista dos resultados, semella que é o máis complicado. Recordemos que até hai ben pouco iso da informática e o mundo global non existía e a contabilidade levábase a man e papel e sempre quedaban rastros, duplicados ou papeis de calcar. Filesa, Roldán, Mario Conde ou Naseiro non quedan tan lonxe e os cartos aínda non apareceron.

O ladrón do códice Calixtino tardou case un ano en ser descuberto porque o individuo non buscou diñeiro a cambio do secular pergameo e gardaba o diñeiro que furtaba da catedral na casa, como debe ser. Calquera sabe que os bancos non son de fiar e ademais cobran comisións. O Bárcenas ese moveu 22 millóns de euros e ninguén se deu conta. A única explicación é que fose cliente preferente de calquera entidade, desas que regalan televisores de plasma polo Nadal.

Cando a corrupción está tan implantada na sociedade, xa se toma como normal. Pero chama a atención que estean pinchados todos os teléfonos dos concelleiros galegos e que o de Bárcenas estivese liberado e estivese o home dando ordes vía banca electrónica sen que de momento se saiba nada das súas operacións. A fin de contas, os galaicos non entendemos que un edil vaia ao xulgado por atender a un veciño que busca unha recomendación para un fillo, como tampouco somos capaces de comprender para que quere un individuo 22 millóns de euros. Se tempo a gastalos hai de sobra, pero en cousas sen sentido.

Todo apunta a que a corrupción vai camiño de converterse nunha enfermidade e non nun delito. Poñamos por caso a Urdangarín. O duque entrou nunha espiral de vicio que comezou por unha mordida aquí, outra alá e así até xa ser unha doenza, unha adicción ao diñeiro baseado en apañar cartos de onde se podía. O mesmo que no caso de Roldán.

A corrupción acábase destapando pola cobiza. Sempre salta cando un dos socios dos asaltantes de caixas públicas pide algo máis de diñeiro, pero non llo dan. Todos os casos son sacados á luz por un ex, que non se considera recompensado e que se bota en mans da vinganza. O diñeiro sempre deixa pistas e rastros. Os capos galegos da droga non entendían moito de contabilidade e andaban sempre co diñeiro no peto e aínda así acabaron caendo. Hoxe en día inventouse iso da contabilidade creativa, pero sempre hai hermeneutas dos números que acaban chegando á orixe do euro corrupto.

SIGAN Ó DIÑEIRO