Que tal Obama?. De cinismo ben, grazas. En moitos aspectos da política seguida polo goberno americano, claro. Especialmente descarada no que atinxe á actitude formal diante do xenocidio que está a desenvolver o Estado de Israel sobre o pobo palestino. Crime de guerra, cruento e sanguinario. Puro terrorismo de estado. Agresión aos máis elementais e básicos dereitos do ser humano.
Un xeito de holocausto moderno coa Faixa de Gaza como campo de exterminio dunha colectividade de persoas, étnica e culturalmente distintas, ás que se lles nega a opción a existir como tales. Un paradoxo histórico: O sionismo que no pasado foi obxecto obsesivo de persecución e morte polo réxime nazi, agora é executor que busca aniquilar á cidadanía propietaria dun territorio que eles procuran ocupar para si, por máis que intenten ocultar esa indiscutible finalidade última, inventando falsas causas para xustificar a súa inaceptable actuación. En definitiva, apropiarse dunha terra sen pobo, para converter aos palestinos nun pobo sen terra. Semella que na opinión pública do pobo israelí aniña a percepción de que Hitler foi malo por matar xudeus, e non malvado por matar seres humanos.
Esta é a razón verdadeira desta actuación militar que está a deixar un regueiro de mortes civís, indiscriminadas e aparentemente accidentais, nas que a matanza de nenos, incluídos os que se refuxian en espazos administrados pola ONU, están a provocar tal dimensión nas imaxes de horror da que non pode escapar a sensibilidade mundial por máis que a propaganda interesada intente rebaixar a magnitude da barbarie.
Certo é que as institución internacionais, especialmente a Unión Europea, están total e absolutamente ausentes do seu papel de intervención necesaria para frear o falso conflito, deixado esta situación á dinámica do interese de política interna que sigue o Goberno de Netanyahu, que deste xeito está a lograr un masivo respaldo de popularidade. De vítimas no pasado, a verdugos hoxe en dia. A carnicería do exercito hebreo, vaca sagrada intocable, é froito da influencia dos mandos con kipá.
Fronte a iso, Obama, entre o horror e o interese, opta polo cinismo diplomático. Pide formalmente a paralización da ofensiva e ao mesmo tempo subministra grande cantidade de novo armamento aos israelís. Unha vía de dous carrís opostos. Hipocrisía: Actitude daquel que finxe o que non sente e mantén, con palabras, xestos e feitos, unha postura falsa. Impropia dun premiado co Nobel da Paz.