Lóxica globalizadora

Empresarios e medios amosan preocupación porque auxiliares da industria automotriz estanse a instalar no norte de Portugal. Seica é porque ofrecen solo regalado e descontos fiscais, o que se considera unha competencia desleal. Hai quen engade que os salarios son alí moi inferiores. Polo que sería necesario definir con claridade as regras de xogo. 
Coido que a análise que se fai a respecto da competencia económica e laboral de Portugal debe se contextualizar e matizar sempre. Só así se evitará o histórico interese das clases dominantes por meter pullas entre pobos irmáns ou para tirar réditos económicos do conflito. Por exemplo, cómpre sinalar que Portugal importa máis que exporta a Galiza. Ou sexa, que xera riqueza e emprego neto no noso País. Portugal é o noso terceiro socio comercial, ao que exportamos por 2.378 millóns de euros e do que importamos por 1.861 millóns (ano 2015). Só o Estado español e Francia teñen un papel máis destacado no noso comercio exterior. Os nosos déficits comerciais danse especialmente con China, México e Ecuador.  
Galiza exportou máis que importou en 2015. Dados que melloraron en 2016 (exclúese o Estado español, que representa un 45% do total, aínda que nas táboas input-ouput de 2011 dáse unha tendencia semellante). Resulta evidente que mesmo sendo uns alumnos/as avantaxados das normas neoliberais da UE, tamén no aspecto salarial e na flexibilidade laboral, non somos quen de xerar emprego abondo, e o que creamos é mal pago e precario. Consecuencias: desigualdade, medre da violencia, baixa natalidade, emigración, perda de poboación. 
Resulta evidente que a lóxica globalizadora non funciona, cando menos para os países periféricos, dependentes, como o noso. 
Non mellora a situación, aumentando as exportacións dunhas poucas actividades que obedecen a intereses externos de economía de escala. Hai que rachar con esta lóxica, dando prioridade a unha economía sustentábel, que dea pulo á produción e comercio nacional galego e coa contorna máis próxima. Non se pode condenar a globalización como estratexia e logo apoiala no concreto, pensando que non existe relación entre ambas as actitudes. 

Lóxica globalizadora

Te puede interesar