Así titularon os de Siniestro Total o seu terceiro álbum, e con cancións que se fixeron tan populares como “Keke Rosberg” –sobre o campeón do mundo de Fómula 1 en 1982 e pai de Nico, líder do campeonato deste ano: “Yo soy Keke Rosberg,/soy el rayo finlandés...–, “¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos?” ou “Miña terra galega”, coa arquicoñecida música do “Sweet Home Alabama” dos Lynyrd Skynyrd. A capa, como non, coas letras nas cores vermella e verde da bandeira portuguesa. Da expresión parece gustar tamén o presidente Núñez Feijoo, don Alberto, se atendemos ó que manifestou nunha entrevista concedida á axencia Efe hai un mes. Alí dixo que o PP, defendendo que nos concellos debe gobernar o grupo político máis votado, non está inventando nada, xa que se apoiará en fórmulas xa existentes noutros países, entre os que citou Portugal. Mais Portugal xa non é o que aínda era no 84, cando a banda viguesa titulou como titulou o seu Long Play. E menos o que chegou a ser nos anos que seguiron á incruenta revolución dos cravos. Hoxe, por desgraza, xa comeza a ter semellanzas de abondo coa ditadura salazarista. Mal exemplo, pois. Visto o que pasou no Concello de Santiago na presente lexislatura, onde a cidade acabou tendo como alcalde a quen figuraba no posto 25 da candidatura do PP e que máis da metade dos concelleiros actuais nin siquera ían de suplentes nesa lista non é disparatado supoñer que o partido gobernante pode saírnos con calquera lexislación que funcione, ben ou mal, en Portugal, en Burundi, no Nepal, en Neverland ou en calquera outro sitio. Por suposto, faltaría máis, que en ningures.
Fan o que lles peta –non imos entrar se de xeito legal, lexítimo, ético ou o que for– e aínda pretenden que o candidato máis votado teña un plus que lle permita gobernar.Para vermos con clareza o que podería pasar no caso de que o PP siga empeñado en modificar a lei electoral botemos man dos resultados das últimas municipais en dous concellos da comarca, Mugardos e Fene, con diferente número de representantes.
Mugardos elixiu 13 representantes. A forza máis votada foi o BNG, que obtivo 4 concelleiros, os mesmos que o PP con 827. A EU correspondéronlle 3 e ó PSOE 2. Ningunha das forzas políticas que obtiveron representación chegou ó 20% do censo total. O BNG achegouse ó 28%, mais do número de votantes. O número de abstencións (1.524) superounos amplamente a todos. Gobernou o BNG, primeiro en solitario e despois cun pacto con EU, sen que nada grave tivese acontecido. En Fene, elixiron 17 concelleiros. As forzas políticas con representación foron as mesmas que en Mugardos, coa diferencia de que neste caso a máis votada foi o PP, que conseguiu 6 edís, obtendo 5 o PSOE, outros 5 o BNG e 1 EU. As outras cifras son parecidas, pois o PP anda no 20% do censo total e no 32% do número de votantes. Todos están lonxe da maioría absoluta e as abstencións (4.550) case dobran os votos da forza que tivo máis. Non houbo acordos e gobernou o PP sen pacto ningún. Tampouco houbo maiores problemas. En ningún destes dous concellos sucedeu nada que se poida comparar, nin de lonxe, co acontecido en Santiago, proba evidente de que as maiorías absolutas, da cor que foren, teñen bastante máis de negativo que de positivo. Xa que logo, a que ven tanto afán e tanta premura en querer “resolver” algo que non precisa de solución? Intentar vender, como fai Núñez Feijoo, na senda marcada polo seu partido, que é bo para España que goberne o que gañe para dar maior estabilidade ós gobernos municipais é algo que non se sostén, mírese por onde se mire. Como vai gobernar por lei un señor ou unha señora que só representa ó 20% dos seus electores? Non ten explicación racional posible. Entre iso e o gobernante a dedo non hai moita diferencia. A presunta inestabilidade, que eu non vexo tal, ven doutros sitios, como as permanencias en cargos máis de oito anos ou, xa non digamos, as prácticas coruptas. O outro non é máis que enredar.