FERROL E A SEMANA SANTA

Como vostedes seguramente saberán o Club de Prensa de Ferrol puxo en marcha unha nova actividade, “Conversas no Parador” na que un grupo de xornalistas se reúnen cun invitado nun almorzo  e falan relaxadamente con el. Na terceira edición destes encontros a Semana Santa foi o eixe sobre o que xirou a palestra porque sen dúbida é un acontecemento popular que chegou a concitar un interese grande na xente facendo que, perante eses días a cidade estea repleta de visitantes co que iso significa para moitos sectores dependentes directamente do consumo (comercio e hostalería fundamentalmente) Como o bispado de Mondoñedo está vacante, os organizadores pensaron en invitar a quen estivese ao fronte da dioceses pero amablemente declinou a invitación porque , segundo manifestou, pouco ou nada podería dicir da Semana Santa de Ferrol. Así que aproveitando a estadía na cidade do xuíz José Luís Aulet decidiuse cursarlle invitación. E aceptou.
José Luís Aulet é un home de letras que, ao marxe da súa especialidade no intricado mundo das leis, escribe , investiga e ademais confésase apaixonado da Semana Santa de Sevilla da que, segundo el, a de Ferrol toma tendencias.
Ademais de amigo do Club de Prensa en José Luís Aulet reúnense as condicións de home ilustrado e excelente conversador, así que con estes ingredientes a fluidez da conversa estaba garantida malia advertirnos previamente que lle gustaba falar e que as veces poderíase ir polos cerros de Úbeda. Por Úbeda non foi pero si andou por Sevilla pois, coma quedou dito, encántalle aquela Semana Santa que, nalgúns aspectos se semella á de Ferrol (por exemplo  no baile que se lles da aos pasos, etc). Pero ao marxe destes detalles o maxistrado incidiu na importancia que ten a Semana Santa como proxecto colectivo, como un xeito de xunguir intereses comúns para acadar un obxectivo independentemente das crenzas. Segundo el a Semana Santa é un espectáculo teatral no que a posta en escena é fundamental para o éxito da representación: do esmero que se poña en coidar estes detalles, dependerá a maior ou menor aceptación que acade nos espectadores, sexan estes crentes ou descridos. En consecuencia, a Semana Santa superou os lindes dunha manifestación relixiosa para converterse nun espectáculo de masas con todo o que iso significa.
No ano 2002, José Luís Aulet leu un pregón na concatedral de San Xiao abarrotada de xente no que lembrou aquelas precesión dos anos 50, de cando era un neno e sentía forte impresión diante dunhas imaxes tan realistas, algunhas delas, dixo, con pelo natural . Quizais a contemplación daqueles pasos procesionais espertou o interese que sentiría despois pola iconografía da que deixou mostras nalgunhas interesantísimas achegas como o libro dedicado as alusión á “Guerra da Independencia nas Coleccións do duque de Wellintong” e mesmo nun estudo espléndido sobre a Fonte Wallace que se publicou no primeiro caderno do Club de Prensa de Ferrol, un tipo de fonte publica que se orixina en París pero que existe en diversas cidades europeas. En España hainas en Barcelona, San Sebastián e... en Ferrol.
En fin, que nesta edición de “Conversas no Parador” do fío da Semana Santa tirouse de tal maneira que chegamos á bola doutras moitas cousas, dun feixe de temas que agromaban da memoria deste home ilustrado.

FERROL E A SEMANA SANTA

Te puede interesar