O sector máis lúcido e consciente da Igrexa parece encontrarse actualmenre naquelas persoas e comunidades, chamadas de base, formadas por laicos que, sen deixar de sentirse membros da Igrexa, fan todo o posible por abrirse á sociedade, admitindo sen complexos os fallos e debilidades que se dan, tanto na sociedade coma na Igrexa. Son conscientes, fuxindo da hipocresía e do fariseismo, de que a Igrexa non poderá deixar nunca de ser unha institución formada por persoas non perfectas, iguais a todas as demais. Sobran exemplos: os da pederastia e os da banca vaticana. E non podería ser de outra maneira porque todos os humanos, sen excepción, cometemos erros e maldades. Quen se senta limpo que tire a primeira pedra. Así o acaba de recoñecer de palabra e de obra o papa Francisco. Porque él recibe persoas, sen distinguir entre as relixiosas e as que non o son, xa que a fe en Deus e o seguimento de Xesús non só non deberan separar, como acontece con frecuencia, senón que terían que servir de vínculo de unión solidaria con todas as persoas, pensen como pensen e teñan ou non fe. A canonización dos papas Xoán XXIII e Xoán Paulo II foi a ocasión hai poucos días para que saíran nos medios de comunicación opinións de tendencias radicalmente enfrontadas.
Un moi mal exemplo que se ven repetindo. Os que así actúan déixanse levar polo fanatismo relixioso e ao mesmo tempo pola ignorancia. Son os que non aceptaron a Xoán XXIII nin o cambio orixinado polo Concilio Vaticano II, e encontraron o que buscaban con Xoán Paulo II. Dúas tendencias que permanecen porque así son as sociedades e tamén a Igrexa. É condición humana. Están por unha parte os que abren camiño e buscan os cambios, e por outra os satisfeitos co conseguido, progresistas e conservadores. Pois de esta materia están formados os santos. Canonizar significa propoñer como exemplo. Son aquelas persoas que sen ser perfectas sobresaíron de un modo heroico pola súa entrega xenerosa no servizo aos demais dentro e fóra da Igrexa. Tampouco os santos estiveron libres de coñecidas imperfeccións e pecados, pero as virtudes, o arrepentimento e a entrega superou o mal feito. De non comprender isto veñen as tendencias fanatizadas que se orixinan, uns por Xoán XXIII e outros por Xoán Paulo II.