A seducción

|

Ía o outro día no tren  “Chu-Chu” cos meus netos escoitando panxoliñas que cantaban un animado grupo de rapaciños namentres o comboy rodaba polas molladas rúas da cidade. Os nenos ían acompañados de adultos que aproveitaban o paseo para falar das súas cousas: “¡Mira el imbécil este que felicitación de Pacuas envía, el tonto del avioncito y las gafas que se está riendo de los españoles!, en clara alusión ao presidente do goberno, abofé. Eu que andaba na procura de entreter a Sariña e ao Dani ollando pola xanela a paisaxe urbana, raparei nesa máxima de que nunca chove a gusto de todos e moito menos na política. Tildar de imbécil a un político é fácil, está ao alcance de todos nas redes sociais, nas escritas e en público pero poucas veces reparamos no difícil que resulta a gobernanza independentemente da cor política de quen goberna. Tal é como están as cousas o poder da seducción é moi importante, como na vida mesma: necesitamos que nos seduzcan, que nos sintamos atraídos a sabendas dos trucos empregados. A política en certo modo é a arte da seducción, utiliza os recursos que ten a man para convencer, para atraernos a un proxecto aínda que todo, ou case todo, quede despois en augas de borraxe, pero o caso é que necesitamos algo e alguén en quen confiar malia que moitas veces saibamos que a cousa consiste en prometer e non dar. O comentario ese de “mira al imbécil este...”  viña  dunha persoa  convencida de que lle sobraban motivos para cualificar así ao presidente do goberno: ela tería seguramente a fórmula máxica para que as cousas fosen doutra maneira, au seu gusto, porque en certa medida todos levamos a un político dentro e todos temos solucións que argumentamos nunha animada conversa apoiados na barra do bar tomando unhas birras, ou no tren “Chu-Chu”. Creo que é bo que pensemos distinto, estou convencido que o pensamento único, imposto porque si, non conduce a ningures  e que é fantástico que podamos elixir cada catro anos aos nosos representantes pero creo que deberamos moderar a nosa crispación e asumir que falar de política non ten por qué desembocar en liorta verbal, en irada discusión e recoñecer que podemos ter convivencia na discrepancia. Os radicalismos en política o mesmo que os “hooligans” no fútbol só conducen a unha dirección: á violencia.
Que estemos ata o moño dos políticos (algúns fan méritos dabondo para que así sexa) non significa crer na inutilidade da política.  ¿Iluso quizás? Pode, ¡pero é que estamos no tempo de selo!

A seducción