REGRESIÓN NO REPARTO DA TORTA

Que a crise non a están pagando todos e todas por igual, e que atinxe especialmente ás clases populares e dentro destas á clase traballadora, fica patente nos datos sobre o peso dos salarios no PIB. No ano 2012 representaban o 43,8%, cando no 2009 eran o 48%.
Isto resulta máis preocupante se temos en consideración que os asalariados/as representan máis do 80% da poboación ocupada e os despedimentos masivos durante a crise afectaron esencialmente aos que tiñan ingresos  baixos (mocidade, traballos temporais). Por se non abondase, nesas estatísticas non se exclúen os “salarios” que ingresan os directivos das empresas, que non deixan de medrar.  
Durante a crise, produciuse un forte axuste entre clases sociais e territorios en beneficio dos máis ricos e fortes, alentando a desigualdade. Os datos amosan que houbo unha transferencia das rendas do traballo para as do capital.
Mais, isto non está a favorecer aos pequenos e medianos empresarios (abonda ollar o número de peches), senón aos grandes grupos económicos e aos máis ricos, como se comproba no IBEX35 e na evolución das maiores fortunas na revista Forbes. Esta transferencia faise por varias vías: salarios máis baixos, diminución das cotizacións e impostos, e subvencións.
Daquela, o argumento de que a diminución dos salarios permitía recuperar as exportacións, eliminar importacións e crear emprego, é en boa medida falso, porque unha parte considerábel do aforro serviu para agrandar os lucros empresariais.
Se non fose así non se modificarían as porcentaxes de traballo e capital no PIB, xa que uns e outros estarían contribuíndo por igual a aumentar a competitividade.
Por último, chamo a atención sobre un dato importante. Na Galiza a porcentaxe do factor traballo no PIB era no ano 2012 (como xa se dixo) do 43,8%, mentres que a media do Estado español foi do 46,9% e da Unión Europea do 49,5%.
Isto significa, para unhas taxas de asalariados e asalariadas moi semellantes, unha porcentaxe de lucro empresarial maior no noso país.
É un aspecto destacábel, xa que reflicte as características dun intercambio desigual, dun país dependente, non a falta de loita reivindicativa.

 

REGRESIÓN NO REPARTO DA TORTA

Te puede interesar