UNHA VISITA A XAÉN

Sempre que baixo a Granada en coche, a menos de cen quilómetros do meu obxectivo, atópome a miña dereita a cidade de Xaén descansando na ladeira dunha montaña cun suntuoso castelo aló no alto. Como un ten ansia de chegar ao seu destino, pasei sempre de largo, pero esta vez decidín facerlle caso á chamada silenciosa desa cidade case sempre impregnada en recendos de olivas, así que dende Granada un bo dia, de mañanciña,  emprendemos camiño de Xaén.
A temperatura xa superaba os 30º e xa que logo o día presentábase tórrido.  Ao chegar o termómetro acariciaba os 40º e non resultaba apetecible poñerse a camiñar pola cidade, así que puxemos rumbo á Catedral, xoia do Renacemento, onde maila a beleza arquitectónica tíñamos fresquiño garantido. Quizais sexa a Catedral o símbolo patrimonial de Xaén. Foi construída sobre os restos dunha Mezquita coma case sempre acontece cando os vencedores actúan sobre os vencidos e o seu deseño de tres naves débese ao arquitecto Andrés de Valdelvira que traballou nela dende o ano 1550 ata o 1575 no que morreu. No seu momento foi fonte de inspiración para construír conventos e igrexas na América colonial. A súa fachada foi proxectada por Eufrasio López de Rojas na metade do século XVII en plena ebullición barroca. Andamos polas súas dependencias por espazo de case dúas horas contemplando a súa grandiosidade, feita se acaso para facer aos homes máis insignificantes diante do poder de deus. Saímos impresionados pola distribución dos seus espazos e pola diversidade estilística das súas dezasete capelas. Custaba camiñar pola calor e buscamos sombra ao tempo que dirixíamos os nosos pasos cara ao barrio xudeu e aos baños árabes, un espazo público inspirado nas termas romanas, quizais os baños árabes máis grandes de Europa que se atopan perfectamente restaurados nos sóutanos do Pazo de Villardompardo e están declarados monumento artístico dende o ano 1931. Lugar espectacular que linda cun museo. A temperatura non superaba os 23º en ambos lugares. Saímos xa na hora do xantar cousa que fixemos nunha terraza preto do Pazo da Deputación, no centro da cidade, constantemente chorreados por efluvios de auga vaporizada para aliviar a calor.
Pero Xaén está inexorablemente xunguida ao aceite: xorde dun inmenso campo de olivas que produce ese ouro líquido tan prezado polo mundo adiante, un aceite que compran en importantes cantidades os italianos e que logo envasan e venden por aí adiante coma se fose de produción propia. Uns traballan e outros lévanse a fama, unha praxes que é  moi frecuente. Moi recomendable o seu aceite virxe extra,produto dun prensado da oliva en frío nas “almazaras”. Manxar de deuses, abofé.
Paga a pena dar un paseo pousado polas innumerables prazas da cidade e percorrer detidamente as intricadas rúas do barrio xudeu, pero a calor condicionou o noso itinerario e quedaron cousas por ver coma por exemplo o castelo árabe que domina a cidade dende o alto. Pero esta visita deixou aberta a porta para futuras incursións enmarcadas, iso si, se cadra nunha temperatura ambiente soportable. Tamén deixamos pendente para outra ocasión a visita as cidades de Úbeda e Baeza onde tamén estoupa o Renacemento, pero iso como digo, será doutra volta.

 

UNHA VISITA A XAÉN

Te puede interesar