Todas as vidas e máis

Entramos de cheo no que entre nós, segundo as crenzas de cadaquén, se coñece como festas de inverno ou de nadal. Época de alegría, paz, amor e todas esas cousas, case todas ficticias e finxidas, mais tamén de moito consumo descontrolado e compulsivo. O de gastar é o lema da grande festa do capitalismo con aderezo relixioso. Mesmo que non queiramos entrar na roda do gasto polo gasto, os inescrutables camiños e artimañas do capital acaban levándonos a mercar algo. E posto nesa conxuntura sempre teño presente esta reflexión do António Lobo Antunes, o grande narrador portugués: “A cultura é uma coisa apavorante para os ditadores. Um povo que lê nunca será um povo escravo”. Xa que logo, boa cousa é regalar un libro. Propóñolles Todas as vidas, de Xosé Ramón Pena, aparecido hai un par de meses.

Cando comecei a lectura dos relatos que conforman o libro caín na conta de que xa ían 44 anos andados desde que lera as primeiras creacións literarias de Pena; uns cantos poemas -lembro un titulado “O día que perdín as gafas”-, que nin sei se lle acordarán ao autor. Nesa altura, curso 1975-76, estudaba 3º ano de Filoloxía Hispánica e era alumno meu no Colexio Universitario da Coruña, centro dependente da Universidade de Santiago, que aparece nun dos relatos, ao meu entender, máis interesantes: “Policía nin en broma”. Daquela o compostelano Colexio Maior San Clemente convocaba anualmente un premio de poesía -a fallar na súa primaveral semana clementina- e eu animara o estudantado que sabía que escribía a participar nel. Sei que Moncho Pena e Miguel Mato o fixeran. Obtivérao Xavier Rodríguez Barrio, que estudaba Dereito. No curso seguinte, Pena, Mato e Salinas Portugal fundaron o Colectivo Alén e publicaron un libriño, con este mesmo título, prologado polo profesor Carvalho Calero.

Con O reverso do espello (1984) Xosé Ramón Pena iniciou a súa obra narrativa, da que Todas as vidas vén sendo o octavo título editado. Confórmano oito relatos con títulos tomados dos 45 personaxes cos que, como di na canción “La del pirata cojo”, viaxa a imaxinación de Joaquín Sabina a vivir outras vidas e a probar outros nomes, os de xentes que nunca había ser. Homes e mulleres de diferentes lugares e tempos: Chicago, Melilla, Damasco, Montecarlo, Cádiz, Detroit, Sangri-la..., como, quen coñeza a canción recordará. Tamén a xeografía -moita dela ben coñecida polo autor- ocupa un lugar relevante nos relatos de Todas as vidas. Lugares, con nome real ou ideado, habitados, vividos, paseados, soñados por Pena en diferentes momentos: Ferrol, Betanzos, A Coruña, Santiago, Vigo, Fresneda, Cádiz, Mojácar..., que, nalgúns casos, describe con moita precisión. A música ten tamén presenza importante como elemento definidor das personaxes.  Atopámola de todas as cores: Temptations, Supremes, Sex Pistols, Clash, Victor Manuel, La Polla Records, Dalida, Aznavour, Hallyday, Vartan, Siniestro Total, Golpes Bajos, Van Morrison, Metallica, Eagles, Anka, Sedaka, Beatles... Historias e personaxes reais ou ficticias, cunha boa dose de elementos biográficos, narradas con oficio que, sen dúbida, lles axudarán a levar máis pracenteiramente estes complicados tempos. 

Todas as vidas e máis

Te puede interesar