A mentira é barata. Vexo ao ministro García-Margallo en TVE. Papelón! Intervén sobre o vergoñoso incidente con Evo Morales. Afirma tallantemente: “Nos dijeron que Snowden estaba dentro”. Naquel intre lembrei outras terminantes declaracións. As de Aznar sobre a guerra do Iraque: “Pueden estar seguros de que el régimen de Sadam Hussein tiene armas de destrucción masiva”. Por suposto que non había este tipo de armas por ningures, como tampouco Edward Snowden viaxaba no avión do presidente boliviano. Máis unha vez, e xa van unhas cantas, o goberno español ficou coas partes pudendas ao ar.
Ora ben, que fixo o extécnico da CIA Snowden para se converter no inimigo público número 1 do goberno USA e servís gobernos europeos? Simples. Só revelar o que máis ou menos se coñecía, a existencia de programas secretos de espionaxe telefónico e por Internet. Estamos no de sempre, hai que matar ao mensaxeiro.