Vai para corenta anos que escoitei fados en vivo e en directo por vez primeira. No verán do 1978 fun á capital portuguesa facer un curso de Lingua e Cultura Portuguesas na Universidade de Lisboa coa axuda dunha bolsa da Fundação Calouste Gulbenkian. Botei aló seis inesquecibles semanas, moi produtivas tanto no académico como no lúdico. Aquela Lisboa era unha preciosidade, unha marabilla, fantástica, “fixe”, que din os portugueses. A de hoxe, infestada de turistas, conserva boa parte do seu aquel, mais perdeu moito do seu encanto.
Ese verán de 1978 correspondíalle a Cuba organizar o Festival Mundial da Xuventude e dos Estudantes, que se ía celebrar na Habana entre o 28 de xullo e o 5 de agosto. Era a 11ª edición e a primeira vez que saía de Europa. Para despedir a delegación da mocidade portuguesa, que ía viaxar no navío soviético Leonid Sobinov, xunto coas delegacións de Malta, Suíza, España e Italia, tivo lugar en Lisboa un multitudinario acto, con decenas de intervencións, das que, non me digan por que, o que mellor recordo son os rexos versos de Ary dos Santos e os fados de Carlos do Carmo, curiosamente con letras deste enorme poeta. Se cadra é porque días despois merquei o LP Um homem na cidade (1977), o primeiro vinilo de fados que tiven. Non esquecín tampouco o abafante calor desa tarde-noite lisboeta nin a sorpresa de escoitar fados nun evento daquela esquerda tan combativa.
Alí escoitei fado en directo por primeira vez na voz de Carlos do Carmo. E escoitei recitar Ary dos Santos. Daquela pouco máis que escoitara que a voz da grande Amália Rodrigues, persoa controvertida, da que se dicía que tivera exceso de relación coa ditadura salazarista e mesmo co primeiro ministro Oliveira Salazar. Tiña prevencións. Velo nun acto daquela esquerda tan combativa fíxome mudar de opinión.
Daquela a hoxe, en directo ou enlatados, moitos fados teño ouvido.
Agora, en pouco máis dun mes, nun nada, como quen di, os ferroláns imos ter a oportunidade de gozar do fado na moi fermosa voz de Ana Moura.
“Portugal, viva o fado, a nossa música” son as palabras coas que, rematou a súa interpretación do clásico “No Espectations” -en inglés e portugués-, acompañando Mick Jagger e os Rolling Stones no concerto destes no lisboeta Estádio Alvalade XXI do 25 de xuño de 2007. Ana Moura estaba no cume. Acababa de lanzar Para além da saudade, gravación da que chegaría a vender máis de 50.000 exemplares. E mantense nas alturas. Non en van o seu Desfado é un dos discos portugueses máis vendidos nos últimos anos. Para non perdela no Auditorio. Recoméndollelo.