O FUTURO XÓGASE EN SIRIA

Estados Unidos e Arabia Saudita están a discutir unha posíbel intervención directa en Siria, da alianza sunnita que esta monarquía absolutista creou hai pouco e lidera. Se así fose, o envío dos cazas bombardeiros máis modernos de Rusia, os SU-35, a este país non sería só unha advertencia a Turquía, senón que ademais implicaría unha mensaxe a Washington e aos seus aliados: que non vai aceptar que se ignore a soberanía de Damasco. Tamén se comprende a declaración do ministro de relacións exteriores de Siria advertindo que os invasores “volverán a casa en cadaleitos”.
Con esta folla de ruta ten lóxica que o Pentágono abrise un aeroporto militar en Siria, nun territorio baixo control dunha milicia curda coa que mantén cooperación. Tamén clarifica porque Washington dramatiza tanto sobre o “cerco a Alepo” por parte do exército, cando pouco lle preocuparon os avances do Estado Islámico, a fronte Al Nusra (ligada a Al Qaeda), e o fornecemento de armas e loxística á oposición terrorista por parte de Turquía, Catar, Arabia Saudita, etc. 
O que realmente lle rompe os esquemas é que a oposición armada poda ser derrotada, e que isto mude a correlación de forzas tanto na rexión como a nivel mundial, con Rusia fortalecida como potencia. Isto non casa coas expectativas das grandes corporacións norteamericanas, e de países aliados, e cos enormes intereses do complexo industrial-militar, e do control do mundo polo dólar. 
Non está en xogo un modelo alternativo. Tanto as vellas potencias como as emerxentes apostan polo capitalismo, sen grandes diferenzas. Non se pode negar que as máis vellas, despois de séculos de concentración e centralización da riqueza e do poder, gábanse de ter dereitos laborais e sociais, porén na práctica estes minguan aceleradamente. 
O modelo para o capital xa non é Suecia, senón alí onde os lucros son máis grandes, por mor de salarios e dereitos máis baixos. Porén, mesmo vendo o mundo con este prisma, non se pode ignorar que a confrontación entre potencias nucleares ameaza cunha destrución total. Mentres que a multipolaridade dá valor á diversidade, dá folgos ao debate de modelos e abre fendas de democracia.

O FUTURO XÓGASE EN SIRIA

Te puede interesar