Preocúpame que o presidente Núñez Feijóo manifestase non preocuparlle a detención, por presunta vinculación a unha rede de trata de mulleres, de Juan Pérez Miramontes, presidente que foi de Xóvenes Agricultores, sindicato afín ao PP, á vez que amigo de iates e veraneos de Mariano Rajoy. Evasiva calada por resposta. Tamén é preocupante o silencio dos responsables da súa administración educativa a respecto da obrigada retirada, no IES Punta Candieira de Cedeira, dunha exposición de poemas da autoría de alumnos de 4º de ESO do centro. Ao que se di todo partiu da denuncia anónima -como se pode admitir tal cousa?- dun ou dunha docente que se sentiu ofendido, ou ofendida, por algúns dos versos. “Malos tempos para a lírica”, “Schlechte Zeit für Lyrik”, escribiu Bertold Brecht en 1938, durante o seu exilio danés, poema que remata: “En min loitan / o entusiasmo pola maceira en flor / e o horror ante os discursos do pintor de brocha gorda. / Mais só o segundo / me move a escribir” A denuncia anónima, práctica habitual na Alemania nazi, vai ter entre nós patente de corso?