Levamos meses -día si, día tamén- escoitando falar de limitación de actividades esenciais. Un día son unhas as afectadas, outro día outras; ás veces sono a medias e ás veces completas; pode que sexan aquí si e non aló ou acolá... Pero, que é o esencial? Ou mellor dito, que é o que as nosas autoridades entenden por esencial?
Se imos aos dicionarios atopamos que a primeira acepción de “esencial” (procedente do latín essentiālis) é o que constitúe ou pertence á esencia -que é o que constitúe o fundamento das cousas. A segunda di que é o máis importante dunha cousa, o que é absolutamente necesario, o que non pode faltar. Isto é, o que é primordial, imprescindible, fundamental...
Penso que é por esta segunda acepción por onde van os tiros das nosas autoridades. Mais iso que no papel, definindo en liñas xerais, está moi ben comeza a complicarse cando llo hai que aplicar ás cousas ou actividades concretas. Non creo que haxa quen se poida opor a que ten que funcionar todo aquilo que permita que a xente poida dispor do que non lle pode faltar a ninguén: a auga, como exemplo claro e indiscutible. E que pouco nos involucramos en que a auga chegue a todos os habitantes do planeta, cuestión da que non imos falar nestas liñas. Xa que logo, as autoridades terán que considerar actividades esenciais todas aquelas que estean encamiñadas a facilitarlle a auga á poboación. “Con pan e viño ándase o camiño”, di a paremia, mais, son esenciais o pan e o viño e todas as actividades dirixidas a elaboralos e facerllos chegar á xente? Diria que si, se ben neste caso xa habería lugar a matizacións ad infinitum. E se seguísemos traendo exemplos veriamos como a da fixación da esencialidade se torna moi dificultosa. Máxime se temos en conta que cada afectado por restricións pensa que a súa actividade é tan esencial como moitas outras.
Incluso se podería chegar a pensar -nunca a dicir, naturalmente- que actividades esenciais son as que afectan aos amiguetes. No país de “¿qué hay de lo mío? non se pode desbotar que se pense.
O que me trouxo ata aquí foi o tema do fútbol. Actividade esencial?
As nosas autoridades deben considerar que si é absolutamente necesario, primordial, imprescindible, que non pode faltar. Como os e as médicas de urxencias, ou pouco menos. Desde logo, eu non vin en ningún momento que se falase en serio da paralización dos campionatos -dalgún deporte si-, cousa que, ao meu entender, se debería ter feito, pois os contaxios son permanentes. E non nos chamemos a parvos, que Zidane -que acaba de contaxiarse- ocupa a mesma cama que ocuparían vostedes, ou eu mesmo, se tivésemos que ser ingresados. Non nos din que están os hospitais a tope? Pois non tentemos á sorte practicando actividades que non son esenciais, que, por outra parte, nin a vostedes, nin a min, nin aos nosos fillos ou netos lles deixan realizar. Onde a igualdade? Igual de perigosa é para un neno ou nena de 10 ou 12 anos que para un señor ou señora de 25 ou 30. Onte, sen ir máis lonxe, houbo que adiar o partido do Racing contra o Celta B a xogar na Malata por casos de covid-19 no equipo vigués. Que iso e as baixas por contaxio de xogadores adultera as competicións parece evidente. Ergo?