Menos de Venecia que de xesta histórica en Terranova

Dados ás grandilocuencias, aos portugueses non hai quen os pare en determinado tipo de cousas que lles pertenzan, ao estabeleceren comparacións cos outros. Mesmo hai quen diga que Portugal está agora na moda, após gañar Eurovisión por primeira vez na súa historia. Ora, tampouco debamos esquecer a Eurocopa de fútbol do pasado ano. Os últimos bos indicadores económicos apuntan, ademais, a que existen razóns obxectivas para os portugueses talvez se poderen mostrar hoxe orgullosos. 
Lisboa é a cidade, disque, dos sete outeiros, igual que Roma. Mais Portugal posúe tamén unha sorte de Venecia: Aveiro asemellaríase á espléndida urbe adriática, cidade esta a onde queriamos ir parar. Porén, toda a monumentalidade daquela fica reducida nesta ao Antigo Convento de Jesus, hoxe museo. 
A igrexa, de espectacular feitura barroca e o túmulo de Sta. Joana, ben valen a pena. Certo que a cidade está trazada por varios canais: o Central, o do Côjo, o das Pirâmides, o de São Roque... Por eles navegan as embarcacións tradicionais, de esveltas proas e popas de cores chamativas, decoradas con motivos, quer dedicados a asuntos da providencia ou con preces ao Altísimo (na proa), quer de motivos manifestamente lascivos (na popa). 
A navegación tampouco garda maior interese que o de subir a bordo dun “moliceiro”, embarcación tradicional para o transporte de algas (“moliço”), que serve de fertilizante ás terras de cultivo. E é que todo o atractivo veneciano de innúmeras pontes, praciñas e monumentos que podemos ir observando naquela, fica aquí reducido a unha panorámica lonxe de todo arremedo da cidade adriática, fóra dalgún que outro edificio da escola modernista (Arte Nova), ou o da Praça do Peixe, por exemplo. 
Non obstante, por lle facer xustiza, temos que destacar tres cousas ás que non nos podemos subtraer e que singularizan e representan con solidez este territorio envolvido de arredor da ría do mesmo nome. Estamos a falar do Museu Marítimo, da fábrica de porcelana de Vista Alegre e do complexo balnear da Costa Nova, os tres no concello veciño de Ílhavo. 
A inmensa ría de Aveiro non é ben como as nosas rías. Trátase dunha zona lacunar resultado do arrastramento milenario de sedimentos traídos polo río Vouga e outros ríos e regatos como o Águeda, o Antuã, o Cértoma, etc. O mar aberto foi así recuando visibelmente século após século. Actualmente, unha longuísima barra encerra en arco toda a ría, só cunha abertura artificial para o Atlántico, despois de que en 1575 unha violentísima tempestade fechase a única saída natural que existía. E por esta razón podemos dicir que a vocación marítima e mariñeira (e mariscadora) de Aveiro é, quizá, unha das máis importantes. Á parte da extracción do “moliço”, que xa nomeamos, as salinas ocupan tamén un lugar moi destacado. 
Mais é na industria do bacallau en que os aveirenses (máis en concreto os homes de Ílhavo), van ver xestada a súa fama. Os pescadores do bacallau á liña, largados en fráxiles botes, e de xeito individual, desde o barco “mãe” ou nodriza durante horas no bravo mar de Terranova e Groenlandia, xunto ás duras condicións de vida destas campañas que duraban de seis a nove meses, fican esplendidamente inmortalizadas nun documental da década de cincuenta que pode ser visto no museo, así como imaxinármonos dentro dun destes barcos na réplica dun bacallaeiro en que se pode entrar. 
Hai despois exemplos de embarcacións de varios tipos, quer a tamaño real, quer a escala en maquetas, así como diversos instrumentos de navegación, espectaculares coleccións de algas e conchas e, non menos sorprendente aínda, un bonito acuario con exemplares de diferentes tipos de bacallaus vivos! 
Alén diso, a fábrica de Vista Alegre ben vale unha visita. Falamos da mellor e máis afamada porcelana de Portugal, fábrica que conta cun espléndido museo con mostras de modelos das diferentes épocas. Sorprende a variedade, a calidade, os premios con que ten sido agasallada, a fidelidade das casas reais pola súa porcelana... 
Pero non menos interesante é saber da organización, desde os seus inicios, do traballo na fábrica. As horas de traballo de cada operario, a xerarquía, os salarios, a vivenda e escola (nas propias instalacións), así como o proceso tradicional de cocemento no forno (hoxe en desuso), ao que se accede para saber como se colocaban as pezas e as temperaturas a que debía cocer cada unha, fan con que a visita goce do maior interese. 
A capela da fábrica, finalmente, é toda unha sorpresa, quer polo seu ornamental barroco pintado, así como polos azulexos (con atención á sacristía), quer polo bonito belén (insólita representación) esculpido no retablo. 
O terceiro elemento singular a que aludiamos arriba son os chamados “palheiros” da Costa Nova. Estamos a falar de casas, orixinalmente de madeira, de non moito porte. Pintadas a raias verticais de cores, dan viveza e alegría á parte da barra da ría de Aveiro que olla para a mesma. Do outro lado, a indómita praia no mar aberto, co seu faro nun extremo. Estes “palheiros” non eran máis do que antigas casopas para gardar elementos de laboura, redes e outros accesorios propios da pesca, para logo se tornaren en espazo habitacional permanente, dignificados así que se converteron en lugar de acollida turística. 
Explicación toponímica á parte —un amábel empregado de turismo contounos a orixe do nome Ílhavo (o lugar tería sido unha illa habitada por un avó a quen seu neto ía visitar con frecuencia: cantas concomitancias coas de Chamorro ou Doniños)–, tamén deu para nos interesar pola nosa conta pola orixe dos de Aveiro e Gafanha. 
A idea dun difícil *aviario, dadas as moitas aves existentes na ría, a unha outra idea de dúas veces río (dúas raíces prerromanas sobrepostas), asentado nun territorio de correntes de auga e esteiros, no caso de Aveiro; mentres Gafanha o faría con ‘gafo’, lugar infestado ou talvez inculto, en terras arenosas fertilizadas polo “moliço”, ben propias desta área lacunar. En resumidas contas, que Aveiro é máis virado, como puidemos demostrar, para o mundo marítimo do que ao veneciano dos canais e eis tamén a breve viaxe realizada coa EOI de Ferrol na pasada fin de semana.

Menos de Venecia que de xesta histórica en Terranova

Te puede interesar