Sen dúbida o azoute da pandemia é dunha enorme transcendencia social e histórica en todo o mundo, tanto polas súas consecuencias sobre a saúde como sobre a economía. Sería un erro reducir o problema a conseguir unha vacina, recuperar a actividade produtiva e manter a taxa de emprego, mesmo sabendo que ambos obxectivos son urxentes. Necesítanse meses para contar cunha vacina, e as previsións da caída económica no Estado español este ano son tremendas: recuar de -9 puntos do PIB e o desemprego atinxiría ao -19%, segundo previsións do Goberno. Por certo, coidase que a redución do comercio internacional chegue ao -32%.
Agora ben, sería un erro non contemplar estes retos nun contexto máis amplo, a menos que se pretenda que todo siga igual. Resulta evidente que contar cunha vacina contra o covid-19 non evita que outro novo virus apareza no futuro, polo que a prevención terá un carácter esencial e non só no aspecto sanitario. Asemade, recuperar a economía non será tan doado, tendo en consideración o aumento da débeda soberana, o medre da confrontación entre potencias, as desconfianzas xeradas no turismo de masas, o cuestionamento da internacionalización da produción, o medre da desigualdade, a desfeita da natureza, etc. Polo tanto, calquera proxecto de reconstrución da economía, para poder ter éxito e dar certa seguridade, non pode obviar as causas que favoreceron a pandemia e as feblezas aumentadas pola globalización neoliberal que esta deixou en evidencia.
Para analizar axeitadamente o contesto actual, e considerar os escenarios futuros, é unha eiva importante que a contextualización da crise e dos obxectivos non estea no primeiro plano do debate, non só mediante valoración e propostas senón tamén no relativo á folla de ruta a seguir. Estase a reproducir un guión semellante ao da crise de 2008, como se a alentada polo covid-19 fose unha replica, como se non houbese necesidade de cambios radicais, xa que o modelo está esgotado, como amosa a fraxilidade diante da pandemia. E para poder realizar esta travesía cómpre que a sociedade socialice cales son os atrancos, as eivas e as fortalezas, e así determinar con precisión cales son as tarefas inmediatas ligadas as de curto e medio prazo, que son as que garanten a superación do marco actual. Asemade, ten unha enorme transcendencia, como se van a repartir tanto os recursos como os custes, tanto entre clases sociais como entre autonomías. Non pode ser que, mais unha vez, a crise termine en reaxuste, con máis precariedade, xornadas extenuantes, desemprego e unha parte moi grande da sociedade, esencialmente a mocidade, hipotecada.