Ante unhas eleccións ou congresos, utilizamos sempre termos que conteñen unha fonda carga bélica para referirnos ás diversas postas en escea dos partidos políticos. Rastros como o cheiro acre da pólvora despois dun debate ou o da untosidade pegañenta da dialéctica, no enfrontamento por elexir persoas, ainda compartindo posicións e ideas, axudan a asentar esa idea. É certo que, visto dende fóra, semella unha coreografía caótica sin orde nin concerto, pero nada máis lonxe da realidade.
Todo responde a unha dinámica de equilibrios, intereses, apoios e proxectos que nacen e outros que rematan. Algúns, como na película “Os outros”, son os únicos que non saben que están politicamente mortos, e precisan que un congreso llo diga con luz e con taquígrafos. Nun partido onde a decisión corresponde ás agrupacións, calquera votación a carga o demo.
Multiplicidade de actores e esceas ocupan o día a día: os delegad@s; as reunións bilaterias ou multilaterais; os defensores da ortodoxia; os que teledirixen sin dar nunca a cara; os que negocian por arriba; os que loitan para si mesmos; os conspiradores permanentes; os que non se van nunca, e @s que, por ser pequenos, teñen a sensación eterna de que nunca contan con el@s… a xestualidade é importante e moi coidada. Quen gaña? Quen saiba xestionar millor as emocións, quen sexa capaz de aplicar aquelo de ponte nos seus zapatos, e manexe mellor os afectos persoais e históricos, sairá do envite cun sorriso. Os demais sairán cun rictus forzado... Pero iso sí, só ata seguinte batalla, perdón quixen dicir congreso.