Dicíase que o resultado do “brexit” estaba cantado, xa que os principais medios de comunicación, o partido conservador e o laborista, auguraban un desastre económico de triunfar esta opción. Tanta foi a presión que ficou en dúbida que exista a liberdade de elección, e polo tanto unha democracia real. O único positivo foi que se fixo a consulta, cando practicamente todos os países da UE néganse a realizalas (comezando polo Estado español), abortando calquera posibilidade para que o pobo se pronuncie. Polo tanto é compresíbel, que non aceptábel, a histeria posterior cando os resultados foron favorábeis á saída da Unión.
O “brexit” é a consecuencia de que se superou o papel adormecedor e a terxiversación de moitos medios. Foi a resposta a unha Unión Europea que negocia tratados segredos, que nen sequera son seguidos polos parlamentos, e sobre cuxo proceso teñen máis control os lobbys empresariais que a vontade popular.
Foi a contestación á falta de democracia xa que segue a cegas a política de Washington na OTAN, como en Libia e agora en Siria, malia que iso significa a desfeita destes países. O que provoca unha emigración masiva e forzada que peta nas portas da Unión, para satisfacción dos empresarios, que pensan na queda dos salarios e no medre do lucro.
A democracia está limitada ás cousas menores, á xestión do local, a uns cativos recursos en materia social e cultural. Porén, no importante as decisións tómanse por parte das grandes potencias, de institucións que foxen do control popular, como a Comisión Europa, o FMI, o Banco Mundial, etc.
Sen lugar a dúbidas, o efecto máis negativo das políticas da Unión Europea sobre a vida das clases populares está vinculado ao eido laboral, da protección social, e da produción agraria e pesqueira. A temporalidade da contratación, a queda dos salarios, o aumento dos ritmos de traballo, a individualización das relacións laborais, así como o aumento da man de obra de reserva e a mobilidade xeográfica, e unha lexislación favorábel á produción en escala, están a aumentar a desigualdade social e a pobreza. Isto foi sobre todo o que inclinou a balanza na Gran Bretaña a prol do “brexit”.