ando lean esta columna, vostedes xa saberán como foille á pontesa Sabela Ramil. Onte era unha noite decisiva para ela, e din as miñas fillas -moi enganchadas- que vai a continuar en “Operación Triunfo”. E como elas son expertas, e máis á idade que teñen (14 e 10), non teño dúbida de que será así.
Pero, non crean que sigo o programa. Son dos que estima que un bo concurso televisivo non pode ter tantas secuelas. Mais, non deixo de darme conta das súas repercusións -xunto coa enorme divulgación vía redes sociais- e a proxección que está a ter esta comarca, a través desta muller.
O importante vén da súa determinación por cantar en galego. Algo agora case prohibido, e máis, ante torquemadas cutres e separatistas como Toni Cantó. Sabela con esta canción de Rosa Cedrón está a facer país. Si, este xesto tan sinxelo e tan arriscado é un xeito de saudable patriotismo. Aínda temos remedio, hai futuro.